
Ás árbores, unha das poucas especies autóctonas de Galicia, están cheas de candeas, ofrecendo un fermoso espectáculo
09 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Os castiñeiros estes días perderon a vergonza. Andan fóra de si: recubríronse de amentos masculinos que, propiamente, chámanse candeas como se fosen velas de luz, e levan ao ar as flores femininas, redondas, algo agachadas ao pé. Aí os están agora mesmo, a maioría abandonados, exhibíndose sen rubor ningún cubertos de candeas, amosando a forza da Natureza e prometendo desa unión fartura para o outono. O nome da árbore, a través do latín, vén do grego que denominaba Kastanea a unha illa na que parece ser que había un gran souto sagrado. Vaise sabendo, polos fósiles, que os castiñeiros son unhas das poucas árbores autóctonas de Galicia —non como os invasores pinos, eucaliptos ou viñas, que veñen sendo os seus inimigos principais— e que non é certo que os trouxesen os romanos; segundo contan os que saben parece que hai uns vinte mil anos foi das árbores que resistiu a última glaciación por estas terras e fíxose compañeira inseparable na aventura do ser humano desde aquela ata que os homes se deixaron seducir polo doce millo e a agarimosa pataca americanos. As castañas foron fonte de hidratos de carbono para o ser humano durante milenios. Un castiñeiro aseguraba a vida, non tanto de quen o plantaba senón de sucesivas xeracións: un bo, aínda sendo moi veceiro, era quen de producir ata catrocentos quilos de castañas; cada dous ou tres anos podíaselle cortar varas para cestaría e as que se ían deixando ata os doce anos valían para leivas ou doelas e postes; deses anos en diante xa se empregaban en carpintería, deixando medrar as pólas ata os cincuenta outonos. Porque se cultivaban para a produción de madeira sen cortalos polo pé e, posiblemente por iso, coñécense exemplares de ata tres mil anos, como o Castiñeiro dos Cen Cabalos, localizado na Catania ou, en Galicia, o castiñeiro de Rozabales, no concello de Manzaneda, dunha idade de máis de mil anos, segundo estudiou o profesor Viéitez Cortizo. E mentres tanto, cada novembro, recollendo unha fartura de froita. Nalgúns lugares do oriente galego e en Asturias queda o costume de que os particulares planten castiñeiros nos montes comunais e sexan os donos dos froitos e da madeira que produzan, sen adquirir o chan onde crecen. A madeira desta árbore foi moi empregada en carpintería e ebanistería pola súa resistencia á traza e pola propia beleza das vetas: dispor de portas, fiestras ou mobles de castaño, pesados, era símbolo de firmeza, de poderío económico: non calquera posuía enxoval de castaño. Castaño dou apelidos, moitísimos topónimos, refráns e ata se designa unha cor por asimilación coa cacha madura dos froitos ou coa tinguidura que deixa a auga que se empapa nesa madeira. Incluso marrón ten relación coa castaña porque é como se denomina en francés este froito. E quen se resiste ás castañas confeitadas —os marron glacé— que se producen en Ourense?. Frei Luís de Granada (1504-1588) no seu Tratado sobre as plantas e os animais deixou dito que era o pan dos pobres. Conservábanse en pequenos curros de pedra, sequeiros, ou mesmo entre capas de area, afumábanse, facíase fariña con elas e tamén servían de alimento para toda a fauna herbívora. É curiosa, digna de comprobar, a habilidade das vacas cachenas para extraer as castañas dos ourizos coa súa lingua e alimentárense con elas sen espiñarse. Algunhas Comunidades de Montes, —András, San Vicente—, aínda que para madeira, teñen feito, ben feito, por aquí plantacións de castañeiros. Agora mesmo están a ser un espectáculo que hai que ir contemplar á forza: As candeas, o amento en forma de vela, masculino, co órgano feminino, redondo, ao pé, cobren completamente alumeando en amarelo, a copa de cada castiñeiro. Paga a pena dar unha volta polo monte e asombrármonos con este éxtase sensual fantástico: quédanlle poucos días a tal arroubo.