As últimas investigacións realizadas en Adro Vello empezan a dar froitos; toca mirar cara o futuro e cara a musealización do sitio arqueolóxico máis importante e con máis futuro de Galicia
14 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Galileo Galilei (1564-1642), considerado o pai da ciencia moderna, enfrontouse á Igrexa católica por manter que a Terra non era o centro do Universo e que o noso planeta xiraba arredor do Sol —heliocentrismo—. Foi xulgado e, intelixentemente, diante do Tribunal eclesiástico, desdíxose e admitiu que era o Sol o que rodeaba a Terra, pero parece ser que en voz baixa, nun murmurio, dixo mover, móvese: «eppur si muove». A frase, actualmente, utilízase cando alguén rebate con feitos unha afirmación que non comparte. Pois algo así ocorre co BIC Adro Vello, a estrela da arqueoloxía galega. Non está paralizada a súa investigación: móvese, por moito que diga a Inquisición.
Imos, antes de nada, cun pouco de memoria. A existencia do xacemento era sabida polos veciños de San Vicente polo propio topónimo, porque a Igrexa parroquial estivo alí ata 1771 e porque os temporais facían aflorar ósos humanos cada pouco. Con seis anos cheguei á casa cun cranio, coa correspondente rifa de meu pai que me obrigou a volver enterralo na area porque, dicía el, seguro que é un antepasado. Despois, anos oitenta, producíronse diversas escavacións entre as que chamaron a atención as dirixidas polo Dr. Carro Otero, algunhas máis da Universidade de Vigo e, durante os tres últimos anos, as profesionais e científicas dirixidas polo Dr. Adolfo Fernández e o seu equipo nunha inusitada colaboración de ata cinco universidades, obtendo datos que fan que este BIC, en conxunto co castro, ou castros, de O Castriño e cos xacementos paleontolóxicos próximos, somerxidos e aflorados, sexa o sitio arqueolóxico máis importante e con máis futuro de Galicia. A estrela, o sol. Estas últimas campañas debéronse a un convenio entre a Dirección Xeral de Universidades, da Consellería dirixida polo catedrático Román Rodríguez e a Universidade de Vigo.
As investigacións acometidas empezan a dar froitos. Agora mesmo séguese adiante co estudo desas prospeccións, analízanse o movemento da duna, temporais e mareas e, ademais, estase a elaborar un Plan Director.
Sabemos moito máis de Adro Vello. A configuración física do lugar era moi diferente a que vemos hoxe. A liña de mar estaba a maior distancia, o que fai presumir que os restos arqueolóxicos cubertos pola auga eran daquela terrestres. A zona escavada era unha especie de promontorio delimitado polo Norte coa liña de costa; Sur, co outeiro granítico do Sineiro; Este, co que hoxe se coñece como o regato da Fonte do Santo e Oeste, outro regato que baixaba desde o lugar de Rodeiras e desembocaba xusto por onde remata a escavación. Posiblemente esta última corrente de auga, que con choivas abondosas aínda vai dar alí, fose desviada cara a unha quimérica fábrica de salgadura que construíu un alcalde do Grove, Francisco Otero Moraña (1836-1907). As edificacións estaban rodeadas dunha especie de lagoa costeira salobre. As investigacións permiten saber que houbo sucesivamente, sen prexuízo do avance nos estudos, unha factoría de salgadura na que se recolleron restos de sardiñas —permitiron recompor o ADN dese peixe hai mil setecentos anos— e unha vila romanas, un dos primeiros cenobios de Galicia, unha igrexa cristián varias veces reconstruída —con lixeiros cambios na orientación, pero sen que se movese o altar— e un uso como cemiterio desde o século VI, segundo demostran as datacións de carbono 14 dos ósos, con sete niveis de soterramentos. Cabe a posibilidade de que fose un cemiterio ad sanctos, con reliquias dalgún mártir inicial do cristianismo, quizá de San Vicente. A permanente reocupación do lugar con edificacións atravesándose unhas noutras, converten o escavado nun crebacabezas que precisa colaboración de especialistas científicos para que cheguemos a coñecer polo miúdo a historia completa deste espazo.
Hai pouco un equipo catalán especializado fixo un estudo con xeorradar que delimitou a extensión do xacemento e confirmou, en certa maneira, a descrición que recolleu o Padre Sarmiento: a Igrexa estaba amurallada —un monxe de Poio dixéralle que había nela inscricións en linguas antigas que non entendía—, cun muro de contención cara ao mar, e quedan estruturas soterradas debaixo da estrada que avanzan ata os regatos do Leste e do Oeste. É preciso seguir investigando e faise necesaria a colaboración das Administracións públicas e dos particulares. Pero esa necesaria colaboración, que alguén terá que coordinar, debe buscar unha finalidade que non pode esperar máis: a eliminación de obstáculos que ocupen o BIC e Os Castriños e acadar unha musealización actual para devolverlle á sociedade ese patrimonio, que, ademais, se transforme nunha Institución de Investigación Arqueolóxica.
Agora mesmo hai, evidentemente, problemas cun denominador común: a falla na coordinación das Administracións con competencias: Consellerías de Educación, de Cultura; Deputación e Concello, pero, tamén co financiamento. Nuns meses vaise inaugurar un Centro de Interpretación do BIC, grazas á intervención do conselleiro Román Rodríguez e do párroco de San Vicente. Iso, —grazas, benvido—, só pode verse como algo transitorio, o máis fuxidío, efémero posible, camiño da musealización. O futuro do BIC pode levarnos a un lugar de coñecemento único da historia de Galicia, situado, ademais, nunha paisaxe excelsa que entronca co Camiño de Santiago. Pero necesita un líder con poder e vontade para ese recoñecemento á nosa historia. Seguro que aparecerá, porque, a verdade é que, sen que sexa un murmurio, Adro Vello «eppur si muove».