O PP acusa ao alcalde meco de dedicarse a chorar mentres o pobo está «abandonado»
O GROVE
O alcalde de O Grove queixábase o luns do trato que a Xunta dispensa ao seu concello fronte a outros como Poio, gobernado polo PP. e o grupo popular meco non tardou en reaccionar. «O alcalde leva todo o verán chorando para tentar tapar a súa absoluta incapacidade para conseguir os investimentos que precisa o pobo do Grove e deste xeito, ademais de non conseguir eses fondos de fóra, tampouco lle queda tempo para atender ao noso Concello, que está completamente abandonado», sinala o voceiro municipal, Pablo Leiva.
Cuestión de siglas
O concelleiro recalcou que outros municipios gobernados polo PSOE, como Vilagarcía ou Cambados, «si que están a recibir investimentos da Xunta en materia de saneamento, portos, infraestruturas sanitarias ou turísticas, «polo que está claro que non hai unha persecución política contra un alcalde do Grove, senón un señor que é incapaz de negociar e xestionar porque está todo o día laiándose como única forma de entender a política e de conseguir votos».
Fronte a isto, o PP denuncia múltiples carencias no municipio tanto en materia de limpeza como no estado das vías e espazos públicos, que son competencia municipal.