Emotivo final ao Campionato Galego de Barco Dragón

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

Mónica Irago

A proba desputada no Grove concluiu coa tradicional ofrenda de flores na honra dos enfermos de cancro

15 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As augas entre o Pavillón de Deportes Náuticos Tono Campos e a ponte da illa da Toxa contactaron durante a mañá de onte e parte da tarde O Grove co mellor da tradición cultural e deportiva de China. Case medio cento de tripulacións de nove clubs citábanse no Campionato Galego de Barco Dragón. Unha embarcación nacida no xigante asiático movida por entre dez e vinte padexeiros, segundo o bote, actuando ao son dun tambor e acompañados dun timonel. Todo un espectáculo visual para os centos de persoas que seguiron a competición dende terra, multiplicado polo valor engadido da conexión que en Galicia se estableceu entre a práctica do barco dragón e a loita contra o cancro, con decenas de mulleres superviventes sumándose nos últimos tempos a unha disciplina especialmente recomendada de cara á recuperación física, pero tamén psicolóxica, da enfermidade.

A nivel deportivo, o Piragüismo Ciudad de Pontevedra, pioneiro no uso do barco dragón en Galicia, gañou a clasificación de puntos con 97, seguido dos anfitrións e organizadores do Breogán, con 68, e do Verducido-Pontillón, con 66; co Piragüismo Rías Baixas-Boiro empatando a seis medallas co club meco.

Ao termo das regatas das nove categorías en competición, tres embarcacións de doce tripulantes e unha terceira de vinte e dous encabezaron a cerimonia das flores que acompaña ás citas de barco dragón. Tras a lectura dun manifesto e á conclusión da música do tema Vivir de Rozalén e Estopa, as tripulantes, superviventes de cancro, lanzaron á auga, a 20 metros da praia de Peralto, unha flor cada unha en homenaxe aos falecidos, pero tamén aos que seguen loitando contra o cancro. A Asociación Española Contra el Cáncer puxo no Campionato un punto de recollida de fondos.