En lembranza de Pepe Rey, o bateeiro optimista e reflexivo que finou no Grove

O GROVE

Non desaparecerás nunca da memoria de todos os que fomos testemuñas da túa bonhomía, franqueza e afabilidade
13 dic 2024 . Actualizado a las 17:49 h.É ben certo que ao largo da vida hai sucesos e persoas que son unha alegría, que dan sentido ao noso existir; que, realmente, chegan a ser unha parte sustancial da vida, como fitos nos que apoiarse e sen os que un queda como confuso. Persoas que forman parte do ambiente persoal de cada un. E, por iso, tamén é, tristemente, verdade que hai feitos e pasamentos que parecen pór todo en cuestión.
Eu coñecía a José Rey Domínguez. Iniciei a relación con el a través de Amegrove, a cooperativa que el e o seu irmán Félix apoiaron desde a fundación. Despois, nos Asteleiros Garrido, ou en calquera sitio pola rúa, tantas veces en compañía de Esperanza, parábame con placer a falar con él. Cando o vía achegarse co seu andar lixeiro, característico, en realidade xa me facía á idea, con ledicia, de escoitalo porque sabía que, sempre, sempre, resultaría agradable, aínda que tivese que contar algún problema, porque o enfoque sería optimista e pensado. Nunca deixou de falarme cun sorriso, con amabilidade aínda que fose para discutir e nunca deixou de facer comentarios intelixentes.

Non teño nin idea, nin importa nada, se me consideraba amigo seu, seguramente non por razóns diversas, incluso de idade. Pero iso non ten nada que ver: para min a afabilidade, a firmeza tamén, a visión da realidade, a alegría que transmitía en cada palabra Pepe Rey será inesquecible; botareino de menos, e, sen dúbida, foi unha desas persoas que dan sentido a andar por aquí.
Non desaparecerás nunca, Pepe, sen dúbida xamais da memoria dos teus, pero tampouco da de todos os que fomos testemuñas da túa bonhomia, franqueza e afabilidade. Gracias por eses momentos.