O loteiro do Grove que non deixa de repartir premios: «O cambio de nome foi un revulsivo, foi a centola a que trouxo a sorte»
O GROVE
A administración número 1 puxo á venda 500 números para o sorteo do Neno
29 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Manuel Rodríguez (O Grove, 1972) é titular de A Centola Dourada de Moreno dende o ano 2017, cando seu pai, ao mando desta administración de loterías decidiu xubilarse, aínda que realmente comezou traballar nela no 2002 man a man co seu proxenitor, hai xa vinte e dous anos, tras deixar a carpintería, o que foi o seu oficio. Estes últimos anos, o pequeno despacho que rexenta na rúa Luis Seoane está tocado pola deusa fortuna, pois o cambio de nome, pensado en honra ao crustáceo rei das Rías Baixas, rematou por converterse no seu principal amuleto.
—A Centola Dourada de Moreno é recente, pero a administración de loterías ten máis de corenta anos, ¿non?
—Si, a administración como tal abriu en 1981. Meu pai era transportista, andaba con paquetería e traíalle lotería a un quiosco de prensa que había en A Vía. O propietario contoulle que había unha concesión e animouno a presentarse. Foi o último día e fíxose con ela. Non estivemos sempre aquí. A administración abriu no Sineiro, e máis tarde pasou a instalarse en Alexandre Bóveda. Co tempo meu pau comprou aquí e instalouse sobre o ano 1999.
—Como cambiou o negocio en todo este tempo?
—Cambiou totalmente. Pasamos do lapis e papel a estar todo informatizado. E en canto a ventás tamén, a xente gasta máis do gastaba antes, pero as condicións non son mellores. As comisións levan anos sen regularizarse e ganamos por un décimo noventa céntimos, e de aí aínda hai que deducir. As comisións son ridículas. Iso si, a época máis forte é sempre a do Nadal, aínda que tamén baixou, xa non é coma antes.
—E se facemos unha estatística coa Lotaría de Nadal, déronse máis premios quizais nos últimos cinco ou seis anos que nos trinta anteriores?
—Pois no Nadal que eu lembre tocou un ano na ANPA de Valle Inclán, un segundo premio, e foi a través dun intercambio con Carril que fixera meu pai, foi o premio máis gordo que chegou a dar el. Logo si houbo algunha primitiva, algún primeiro premio de Lotaría Nacional e outros premios pequenos. O cambio de nome foi un revulsivo, foi a centola a que trouxo a sorte. Non sabíamos qué poñerlle e como honra a este marisco rei, pois decidimos chamala así e engadirlle o de Moreno, por meu pai. Dende aí foi dar premios case cada ano en Nadal, no 2019 demos un terceiro, no 2020 demos un primeiro, no 2021 demos unha primitiva de 1,6 millóns, e o ano pasado rematamos cos 64 millóns do segundo premio, e comezamos este con premio na Lotaría do Neno, cun décimo premiado no sorteo do Día do Pai e agora este Nadal cun terceiro e dous cuartos premios. E estou moi contento polos clientes, as súas chamadas.
—Desas reaccións… algunha anécdota a destacar que se poida contar?
—Si, anécdotas moitas. Unha parella que veu declararse aquí á Toxa, levaron tres décimos, un para eles e dous para uns compañeiros, e chegando a destino acordáronlle dous máis, co cal levaron cinco e eles quedaron cos tres iniciais que tiñan premio. Tamén chamou unha muller que tiña o número pero que non o topaba, pero non había fotocopias nin xustificante nin nada.
—Que probabilidades hai de que A Centola Dourada de Moreno volva dar premio de novo na Lotaría do Neno?
—Probabilidades hainas. Temos aquí sobre uns cincocentos números diferentes para o Neno e van ao bombo cen mil. En Nadal podo chegar a ter cinco mil diferentes, dar un premio é complicado, dar tres é máis, así que probabilidades hainas.