Da memoria viva a través dun cadro

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE

O GROVE

BASILIO BELLO

A memoria histórica da Guerra Civil só queda agora en cousas e traballos de investigación

16 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

E n Arte y Ciudad. Revista de Investigación, nº 25 (abril, 2024), da Universidade Complutense vén un magnífico traballo de investigación de Alma Rodríguez Domínguez —historiadora da Arte, máster en Patrimonio Cultural— que, tanxencialmente, ten que ver co municipio grovense. O título do estudo, científico, é «La reconstrución familiar como método de investigación histórica: El caso de estudio de la familia Durán-Leal en el contexto de la Guerra Civil y el Exilio (1936-1940)». Alma, previamente, fixera a localización, análise e catalogación das obras do pintor Ernesto Goday (O Grove 1914-Madrid 2001), recollendo unhas 3.500. Houbo una Exposición, espectacular, no ano 2018 na rúa Castelao para divulgar a figura deste artista. Neste novo traballo académico, Alma recorre a dura historia da familia Durán-Leal, parella formada por Josefina Leal e Expédito Durán e a súa filla Leticia. El, mestre e anarquista, foi alcalde de Girona durante a Guerra Civil española, despois de participar coa súa muller en Elda, onde se coñeceran, en proxectos innovadores de ensino. En 1938, con el preso e desaparecido, Josefina e Leticia fuxiron a pé a través dos Pirineos cara a Francia, camiño no que foron metralladas por avións militares. Expédito tamén conseguiu fuxir a Francia e internárono nun campo de concentración nunha praia —onde para os presos non pasaren frío soterrábanse na area— nunhas condicións infrahumanas. Ata que Josefina, aparentando ser unha dama podente, conseguiu entrar nesa cadea para repartir viandas e no alboroto que se armou, fuxiu co home, para quen levara como disfrace un abrigo e un sombreiro. Logo, amparados polo presidente mexicano Cárdenas, que fixo causa cos exiliados españois, embarcaron rumbo Nova Iorque. Na travesía posterior entre esa cidade e México viaxaron no mesmo buque que Frida Kahlo, que viña de París dunha estadía para facer una exposición na que só vendera un cadro. Josefina e Frida fixéronse amigas. Ao chegaren a México tanto a pintora como o seu marido Diego Rivera convertéronse en protectores de Expédito, Josefina e Leticia. De xeito paralelo, no Grove víñanse celebrando as chamadas Tómbolas da Caridade, unhas rifas do Nadal nas que os veciños achegaban bens de todo tipo e o recadado coas poxas valía para familias necesitadas. Pois nunha destas Francisco Padín, o Dulceiro, casado con Carmen Moldes, adxudicouse un cadro de Ernesto Goday, que representaba a unha moza fermosa vestida á moda dos anos vinte. O adquirinte colocouno na súa céntrica pastelaría para goce dos clientes. Pechado o establecemento, desapareceu tal pintura. Cando Alma Rodríguez catalogou a obra de Goday, Francisco Padín Sanmartín, sempre activo, sempre ao tanto do que pasa no Grove, faloulle, precisamente, deste cadro. El era neto de Francisco Padín e de Carmen Moldes que, cando cerraron a confeitaría no Grove, foron residir á praia de San Joan, en Alacant. Alí Carmen Moldes coñeceu a Josefina Leal e soubo da súa afección á pintura, posiblemente influída polos seus amigos Frida Kahlo e Diego Rivera. Retornara de México nos anos 70 despois do falecemento, do seu home Expédito Durán, exiliado, que non puido volver a España. Carmen Moldes pediulle a Josefina Leal que restaurase a obra de Goday, como esta lle contou a Paco Padín?Sanmartín no ano 1982. Pero non só lle narrou o da restauración do cadro, senón todas as penurias pasadas como consecuencia da guerra, a súa estadía en Francia, o rescate do seu home, e as relación con Frida Khalo e Diego Rivera no exilio mexicano. É a memoria a través das cousas, como di Alma Rodríguez no seu magnífico traballo. Porque, ademais, van desaparecendo as persoas que sufriron aquela loucura da Guerra Civil e, cada vez, só nos vai quedando o testemuño das cousas, sen que este país fose quen de restaurar a memoria dos perseguidos. Quédannos investigadores como Alma que van pondo luz naqueles feitos mantidos na escuridade tanto tempo.