Ruta de tapas e feira de oportunidades para animar abril en Pontecesures
PONTECESURES

Hostaleiros e comerciantes organizan actos conxuntos para a terceira fin de semana de abril
13 abr 2024 . Actualizado a las 20:06 h.A terceira fin de semana de abril, Pontecesures será unha festa. Tanto a hostalaría local como o comercio teñen decidido unir forzas «para ofrecer unha experiencia única chea de sabores, música e ofertas exclusivas». Os seus representantes foron recibidos este xoves pola alcaldesa Maite Tocino e polo concelleiro de Promoción Económica Roque Araújo.
Os hostaleiros locais anunciaron a celebración da «Ruta de Tapas de Primavera», que terá lugar durante a fin de semana do 19 ao 21 de abril. Nove establecementos —Candil, Choco, Telebar, a Palmeira, Mambís, Carabela, Casa Chaves, Reencontro e Parrillada Isidro—, ofrecerán unha ampla selección de tapas de temática libre a un prezo único de 3,50 euros. «Esta iniciativa non só resalta a diversidade gastronómica da rexión, senón que tamén pon de relevo a profesionalidade e o compromiso do sector hostaleiro de Pontecesures coa excelencia no servizo», di o Concello.
Por outra banda, o comercio local súmase á actividade cunha xornada de liquidación de stock «que promete grandes oportunidades para os compradores». O domingo 21, os comercios instalaranse en carpas na Plazuela, ofrecendo ofertas exclusivas e descontos especiais. Para animar o ambiente, haberá unha sesión vermú de música en vivo a cargo do dúo Broke Acoustic Covers.