O club recoñecerá os seus directivos e deportistas máis sobranceiros nestas dúas décadas de historia
05 nov 2015 . Actualizado a las 05:05 h.Os integrantes, socios e demais simpatizantes do Club Náutico O Muíño de Ribadumia cítanse este sábado, a partir das 14.30 horas no Atranco de Cabanelas, nunha comida de fin de tempada que servirá tamén de celebración dos 20 primeiros anos de historia dun club recoñecido en Galicia por practicar o groso das disciplinas do piragüismo.
Na cita a entidade entregará ademais sete galardóns, cos que pretende recoñecer a aquelas persoas máis senlleiras na vida do club, ou na súa visualización a través dos seus éxitos deportivos. Unha lista que encabeza Rafael Louzán Abal, ex presidente da Deputación de Pontevedra, actual mandatario da Federación Galega de Fútbol e primeiro presidente do Muíño. Isidoro Noya Durán, adestrador do equipo na súa primeira década de camiño, José Manuel Vázquez Núñez, actual presidente e único directivo que xa participara no club existente en Ribadumia nos anos 70, e o seu fillo, José Manuel Vázquez Navia, O Ruso, primeiro medallista do Muíño e o seu actual alma mater coma adestrador e director técnico, serán tamén recoñecidos no capítulo de xestores.
Perucho, tamén recoñecido
E a nivel de deportistas, polo estrado do acto de conmemoración desfilarán para recoller candanseu premio Carlos Pérez Rial, Perucho, ouro olímpico en Pekín no K-2 200 sendo padexeiro do Muíño, David Maquieira Piñeiro, no seu día subcampión de Europa Júnior no C-2 500, e Paulino Otero Otero, retirado no 2014 con cinco medallas internacionais.