
O equipo de veteráns nacía hai 19 anos en Ribadumia da man de Embutidos Bravo
10 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O seu nome hoxe é o de Soho Cambados, e no campo do Pombal da vila do albariño está o seu domicilio deportivo. Pero hai 19 anos o hoxe segundo clasificado do Grupo 2.ºA das Ligas da Asociación de Futbolistas Veteráns de Pontevedra arrincaba a súa historia cunha identidade ben diferente. A dun proxecto xurdido do mecenado dun empresario de Ribadumia, que quixo manofacturar a súa paixón polo balompé baixo o nome da súa firma.
Así nacía o Embutidos Bravo. Un conxunto que reuníu a xente de Ribadumia, pero tambén do Mosteiro e de Vilanova, nun equipo que disputaba os seus encontros no campo de terra de Leiro, e que chegou a competir dúas campañas na máxima categoría dos veteráns na súa media ducia de Ligas disputadas.
Unha etapa que pronto contou con Rafa Canabal Piñeiro como factótum nese papel de delegado que, agás contadas excepcións, resulta na Liga o home para todo. Desde a tramitación das licenzas ata a convocatoria dos xogadores para os desprazamentos semanais e, sobre todo, a xestión dos trocos nos partidos. Un papel este último que asumira no seu día «porque Eugenio -o propietario de Embutidos Bravo- mo pedíu; ao principio el facía os trocos, pero tiña problemas cos xogadores e como varios dos futbolistas de Vilanova me coñecían contactou comigo», recordaba onte.
Canabal lembra aquela etapa con certa morriña. E vista a prima do mecenas do equipo, non é para menos. «Eugenio tiña na fábrica unha tenda, e ao remate de cada partido poñíanos sempre algo para picar» e disfrutar dese terceiro tempo que move á maioría dos xogadores das Ligas da Asociación de Futbolistas Veteráns de Pontevedra.
Un ano despois do pasamento do promotor e mecenas do Embutidos Bravo, o hoxe Soho Cambados trasladouse a Zacande, Meis, da man do seu novo patrocinador, a Cafetería Impacto. «Fúmonos de Ribadumia porque o campo estaba moi deteriorado», lembra o seu delegado. Foron tres anos, máis outro con Páxinas Galegas poñendo o nome na camisola. E de aí, a Cambados, aproveitando xestións de xogadores dun plantel xa conformado na súa maioría por veciños da vila do albariño para conseguir a axuda da cafetería Soho. Coa Segunda como espazo natural, e tras quedar a un posto do ascenso a pasada primavera, o ascenso é agora o reto.