Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Ribadumia sobe ao carro dos grandes torneos base da man de Paco Ozores

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

CEDIDA

A Copa Clae Viajes benxamín e infantil xogaráse en xuño impulsada polo ata hai medio ano director do Cidade de Vilagarcía do Arousa, e co seu último patrocinador

28 dic 2018 . Actualizado a las 20:54 h.

Copa Ribadumia Clae Viajes. Con este nome arrinca o desembarco do C.D. Ribadumia no panorama dos grandes torneos de fútbol base que na última década non para de medrar pola xeografía española, en xeral, e pola da comarca do Salnés, en particular. Unha iniciativa impulsada pola alianza do club aurinegro e de Paco Ozores, quen ata o pasado mes de xuño fora vicepresidente do Arousa e alma mater dun Torneo Cidade de Vilagarcía que, en tan só sete edicións, conseguira facerse un nome en España a nivel de categoría benxamín, reunindo a medio cento das mellores canteiras da Península Ibérica. Con esa mesma intención se prepara xa a primeira edición da Copa Ribadumia Clae Viajes, cun cadro benxamín programado para os días 14, 15 e 16 de xuño do 2019, e un infantil, do 21 ao 23 do mesmo mes, nas instalacións deportivas municipais da Senra.

Paco Ozores, que conta no seu novo proxecto co que foi o patrocinador nos últimos anos do Cidade de Vilagarcía, Clae Viajes, quixo deixar na mañá de hoxe claro que «este é un proxecto novo. Despois de pechar a miña etapa no Arousa, tomeime un tempo de reflexión, e cheguei á conclusión de que quería seguir ligado ao fútbol base. Sabía que o C.R. Ribadumia estaba interesado en montar un torneo importante. E púxenme en contacto co club», coorganizador da Copa Ribadumia xunto co propio Ozores, o seu director.

Arroupado entre outros no acto de presentación polo presidente do C.D. Ribadumia, Toño Serantes, polo alcalde da localidade, David Castro, e polos adestradores na Spanish Soccer School de Dubai, o vilagarcián Pablo Coira, e na academia do Celta de Vigo en Brasov, Rumanía, o cambadés Blas Charlín, Ozores reiterou que «quero que quede claro que é un proxecto que nace desde cero, novo, moi ilusionante, que nada ten que ver co Cidade de Vilagarcía. Dous novos torneos internacionais que van dar que falar, con 75 equipos entre os dous. Trátase de promocionar o fútbol base no Salnés, non de competir con ninguén».

Proxecto solidario en Angola

En paralelo, a Copa Ribadumia Clae Viajes porá o seu gran de area nos proxectos de colaboración solidaria que Blas Charlín mantén en Angola. Baixo a denominación «As miñas botas dan vida», pediráselles aos equipos participantes tres pares de botas usadas para o seu aproveitamento por rapaces do país africano, no que Charlín traballou na academia AFA.