Ribadumia e Vilalonga xogan hoxe, e Cambados e Céltiga na mañá dominical

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

ADRIAN BAULDE

Tan só o cadro de Burgáns disputa o seu encontro de Liga como local

04 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A coincidencia da festividade de Reis converte a primeira xornada de Liga do 2020 nun escenario diferente. De aí que moitos dos conxuntos do fútbol modesto galego decidisen adiantar os seus correspondentes partidos. Este é o caso dos catro conxuntos arousáns no Grupo 2 da Preferente Galicia, con dous deles competindo hoxe, e os dous restantes na mañá dominical.

O máis madrugador é o C.D. Ribadumia, que esta tarde se mide desde as catro ao Polígono San Ciprián. Un choque no que os homes de Luis Carro deben refrendar ante o pechacancelas o seu gran final de 2019 -cinco triunfos e tres empates encadeados-, e agardar un tropezo do Atios para asaltar o liderado.

Dúas horas máis tarde, ás seis, o Vilalonga, terceiro tras o Ribadumia, terá a misión de endereitar a súa traxectoria, poñendo final a una xeira de dúas derrotas na súa visita ao Moaña que lle dean tamén a opción de iniciar o novo ano elevándose ao primeiro posto.

Para mañá domingo quedan os partidos do Céltiga no campo do Gran Peña, desde as doce, e do Juventud Cambados en Burgáns, a partir de media hora máis tarde co Beluso como rival. O cadro illense, cuarto con 31 puntos, visita o antepenúltimo, con 10. O Cambados, undécimo con 24, recibe ao decimosexto, con 19, nunha xornada na que anima aos seus seareiros a ir ao partido cun xoguete novo para os nenos das familias desfavorecidas da vila.