
O conxunto estadounidense xogará un amigable co Manchester City o xoves na Bouza de Barrantes
25 may 2022 . Actualizado a las 21:27 h.A conta atrás para a vixésimo quinta edición do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 arrincará mañá mércores, coa chegada dos dous primeiros dos 20 equipos que desde o venres e ata o domingo da presente semana pelexarán por escribir o seu nome no trofeo de campión dunha edición tan especial. O máis madrugador será o FC Dallas, que onte aterraba en Porto, medíndose ao pouco de cruzar o Atlántico a outro dos equipos que competirán no céspede ribadumiense da Senra, o FC Porto.
Antes de instalarse no seu hotel de concentración en terras do Salnés, o FC Dallas disputa hoxe, desde as cinco da tarde nas instalacións viguesas da Madroa, un segundo encontro de preparación, tamén con outro dos 20 equipos do AF7 2022, o RC Celta.
O FC Dallas compartirá hotel en Arousa co Manchester City. Os dous ofreceránlle ao público da comarca unha primeira mostro do que poderán desfrutar a partir do venres, enfrontándose no campo da Bouza de Barrantes o xoves, a partir das seis da tarde, con entrada de balde. Dáse a circunstancia de que un e outro quedaron encadrados na primeira fase do AF7 cos dous xigantes do fútbol español. O FC Dallas, co Real Madrid nun Grupo A no que tamén figuran o Sporting Portugal, o Girona FC e o CD Areosa. O Manchester City, pola súa banda, buscará rematar entre os tres primeiros do Grupo B co FC Barcelona, co Valencia CF, co RC Deportivo e co Pabellón Ourense CF coma rivais.
Horarios do torneo
A organización do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 fixo onte públicos os horarios do campionato. Cunha primeira fase, a de grupos, na que se xogarán dous partidos en paralelo. CD Areosa-FC Dallas e Sporting Portugal-Real Madrid abrirán o campionato nos campos da Senra o venres ás dez da mañá. PSG-Real Betis e Atlético de Madrid-Benfica, correspondentes ao Grupo D, pecharán a quenda de grupos o sábado ás 18.55 horas, para dar paso a última hora da tarde aos duelos entre segundos e terceiros clasificados dos que sairán os rivais dos campións de grupo nos cruces de cuartos de final, na mañá do domingo.