As citas sub 10 e sub 14 contarán con equipos de sete países e de tres continentes
09 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A segunda quincena de xuño traerá aos terreos de xogo do complexo deportivo da Senra a terceira edición da Copa Ribadumia-Clae Viajes. A súa organización, con Paco Ozores á fronte, desvelaba onte que entre os dous torneos, o benxamín (sub 10) e o infantil (sub 14), a cita contará con equipos de sete países e de tres continentes diferentes.
Así, máis aló das moitas e potentes canteiras procedentes de España e de Portugal, por Ribadumia pasarán dous equipos dun terceiro estado europeo, outros tantos de Norteamérica e dous de Asia. No torneo sub 10 estarán o FC Dallas, que se desprazará cunha expedición de 57 persoas, a CAF Canadian Academy of Football de Toronto, que traerá a maior escola do Estado de Ontario, e o Fursan Hispania dirixido por Míchel Salgado en Dubai. O Shelbourne FC de Irlanda asinará a súa segunda participación no campionato arousán, competindo no torneo sub 14, no que debutará o FC Ichikawa Gunners da prefectura de Chiba, Xapón.
Cabezas de serie
Desde a organización da Copa Ribadumia-Clae Viajes anunciaron tamén os equipos que exercerán de cabezas de serie na fase de grupos dos seus dous campionatos. No infantil, con 32 equipos en acción do 16 ao 18 de xuño, o Villarreal FC partirá co cartel de favorito xunto co Cádiz, co Celta de Vigo, co Deportivo da Coruña, co Shelbourne FC e co FC Porto. O SD Leioa e o Urduliz vascos, o CD Badajoz e o CD Don Benito estremeños, o Atlético Barranco Hondo de Tenerife, e o SD Llano 2.000, Astur e Quirinal de Asturias son outros dos conxuntos no cadro de competición.
No torneo benxamín, programado para os días 23 a 25 de xuño con 50 equipos, a condición de cabezas de serie correrá a cargo do Real Betis Balompié, que defenderá o título, o CF Damm de Barcelona, segunda canteira do balompé catalán tras a do FC Barcelona, o SL Benfica, Celta de Vigo, Deportivo da Coruña, SC Braga, Vitoria de Guimarães e o Río Ave FC.
«Mis botas dan vida»
Máis aló da experiencia deportiva, os responsables da Copa Ribadumia-Clae Viajes continuarán co seu proxecto solidario Mis botas dan vida. Unha iniciativa que colabora co ex futbolista Benjamín Zarandona animando a todos os xogadores participantes no torneo a doar botas usadas, pero en bo estado, para mandárllelas a nenos de Guinea Ecuatorial adestrados por Zarandona e sumalas ás máis de 500 enviadas entre as dúas primeiras edicións.