Somos Ribadumia repróchalle ao Concello que informe sobre o litixio entre dous concelleiros: «David Castro pénsase que é Gonzalo Durán»

La Voz RIBADUMIA

RIBADUMIA

Sergio Soutelo, concelleiro de Somos Ribadumia
Sergio Soutelo, concelleiro de Somos Ribadumia MONICA IRAGO

O grupo da oposición desvela que Oubiña renunciou á avogada e a presentar testemuñas no xuízo

28 nov 2023 . Actualizado a las 20:25 h.

Somos Ribadumia critica o papel que xogou o Concello en relación á denuncia de Enrique Oubiña contra o concelleiro de Obras, Miguel Castro. «David Castro pénsase que é Gonzalo Durán e actúa como se o Concello lle pertencera, pero non é así. Esiximos respecto pola veciñanza, que non ten parte nin arte nesta cuestión, unha rectificación pública e unha desculpa». Refírese o concelleiro Sergio Soutelo ao comunicado de prensa emitido o luns polo goberno local no que daba conta de que Miguel Castro foi absolto tras unha denuncia de Enrique Oubiña por falta de probas.

Os feitos ocorreron o 30 de novembro de 2022 nun bar de Barrantes cando Oubiña acusou a Castro de dirixirse a el con ameazas. «Non imos valorar a sentenza. Só diremos que mentres Miguel Castro se persoou no xulgado acompañado por un avogado e declarando falsidades, Oubiña renunciou a axuda da súa avogada e a presentar testemuñas, que as había, porque como el mesmo declarou ‘somos todos clientes habituais do mesmo bar e non quero causarlle molestias nin complicarlle a vida a ninguén por esta cuestión’», informan desde Somos.

«Sobre o que si temos algo que dicir é sobre o feito inaudito de que sexa o Concello de Ribadumia quen faga pública a sentenza, cando esta entidade é completamente allea a esta cuestión. Se David Castro dende o Concello quere facer públicas sentenzas xudiciais, que faga aquelas nas que o Concello é el como alcalde son parte denunciada, que ten varias agochadas no caixón», engade Soutelo. «E a Miguel Castro esixímoslle un mínimo de seriedade, que nin saíndo exculpado dun xuízo foi quen de dar a cara».