Ribadumia despide a Isidoro Serantes, fundador de Bouza do Rei e pionero en Rías Baixas

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

CEDIDA

O municipio arousán chora a un home que presidiu a cámara agraria, foi tenente de alcalde, promoveu a creación do club de fútbol e finou aos 93 anos

09 dic 2023 . Actualizado a las 21:11 h.

Todos os pobos teñen unha serie de homes e mulleres que sobresaen entre os seus veciños, deixando a súa sinatura aló onde poñen as mans a traballar. Ribadumia perdeu este venres a un deses veciños singulares. Unha persoa que tirou arreo ao longo da súa dilatada vida para poñer o seu gran de area na mellora da economía agraria do seu municipio, en particular, pero tamén de todos os paus que a xestión política lle permitiu.

Con 93 anos marchou Isidoro Serantes Serantes deixando tras de si unha longa folla de servizos cara aos demais: presidente da cámara agraria de Ribadumia, fundador, socio e presidente de Bodega Bouza do Rei, un dos voceiros da Denominación de Orixe Rías Baixas nos inicios da mesma e concelleiro e tenente de alcalde do Concello. Facetas moi distintas desde as que tentou contribuír ao crecemento colectivo da mesma forma que cando, en 1959, se sumou ao grupo de promotores do Club Deportivo Ribadumia, do que foi integrante da súa primeira directiva e no que era socio número 1 co orgullo, ademais, de ver a dous dos seus tres fillos, Toño e Javier, á fronte da entidade coma presidente e tesoureiro.