Ademais da vía xudicial, as traballadoras farán mobilizacións, sen descartar paros
07 feb 2024 . Actualizado a las 20:37 h.O cadro de persoal da residencia DomusVi Ribadumia anunciou este mércores a presentación dunha denuncia no Xulgado do Social de Pontevedra contra a empresa por proceder a un cambio substancial das súas condicións de traballo de maneira unilateral. Unha medida anunciada en rolda de prensa polas representantes das traballadoras do centro no comité de empresa, con maioría da CIG, que acompañarán mañá venres dunha concentración diante de DomusVi Ribadumia, sen descartar a convocatoria de paros na defensa dos seus dereitos.
Acompañado polo groso das integrantes do comité de empresa, o secretario de Servizos de Pontevedra da central, Iván Veiga, explicou que DomusVi Ribadumia procedeu o 1 de xaneiro a un cambio unilateral das quendas do seu persoal, incumprindo a convocatoria dos quince días para negocialo que marca a lei. Un paso que se sumaría, di, ao incumprimento do cómputo anual de horas e da compensación por festivos con 14 días libres. O último capítulo xa lle tería costado á compañía varias denuncias individuais de traballadoras, con fallos xudiciais a favor destas.
«A empresa chantaxeou dalgunha maneira as traballadoras para que, a cambio de compensarlles os festivos, en vez de con tempo de descanso, cun diñeiro por riba inferior ao fixado nas sentenzas que saíron a favor das traballadoras, aceptasen un cambio no seu calendario laboral, con menos descansos», conta Veiga.
«É inhumano o que fan con nós»
A presidenta do comité de empresa, Rocío Rodríguez, e unha das súas compañeiras no mesmo, Mónica Abalo, puxeron voz desde dentro do cadro de persoal á situación que estarían a vivir as empregadas de DomusVi Ribadumia.
«Estamos moi queimadas, física e mentalmente», comezou dicindo Rodríguez, que entrou en detalle para explicar por que unhas 20 das súas algo máis de 70 compañeiras de centro están neste momento de baixa: «Temos unha carga de traballo altísima. En moitas quendas, sobre todo de noite, non hai enfermeira, quedando dúas auxiliares a cargo dos 150 residentes, cando elas non están cualificadas para tomar certas decisións. Ás veces somos tres ou catro persoas de menos por quenda. Os descansos estipulados non se cumpren. Temos horarios que non nos permiten conciliar. Todas somos novas e temos nenos e os nosos soldos non dan para contratar a unha persoa que nolos atenda. É inhumano o que fan con nós».
A presidenta do comité sinala que os soldos «están moi por debaixo do convenio sectorial e tamén por debaixo do salario mínimo interprofesional», recordando que «levamos 18 anos denunciando as nosas condicións e hai cinco mobilizámonos, pero a empresa pasa de nós». Condicións que motivaron que o comité chamara a Inspección de Traballo en maio do 2023; ata onte «non se presentou ninguén», clama Rodríguez.
Mónica Abalo fai un «chamamento ás familias dos residentes: ¿Queren que aos seus familiares os traten así?». Xerontóloga, Abalo explica así o cambio de horarios: «O 18 de decembro non quixemos firmar por debaixo do convenio». Engade que «á presidenta e a min puxéronnos 9 días de traballo sen descanso» e denuncia que DomusVi contratou a unha empresa allea á súa mutua para exercer presión sobre as compañeiras que están de baixa.
La Voz de Galicia contactou con DomusVi para coñecer a súa versión, pero a compañía declinou facer declaracións ao respecto.