A Mancomunidade abre en Ribadumia a nova rolda dos talleres de robótica, que rotarán por catro concellos

R.C. / P.P. VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

CEDIDA

31 jul 2024 . Actualizado a las 19:46 h.

Máis de 60 nenos e nenas que están a participar na escola de verán do concello de Ribadumia teñen a posibilidade de participar esta semana nunha formación de acercamento ás novas tecnoloxías, ademais dunha iniciación á robótica educativa e programación.

A actividade, que rotará posteriormente polos concellos de Meis, de Illa de Arousa e de Meaño, levouse a cabo grazas á Mancomunidade do Salnés, no marco do proxecto Núcleos rurales sostenibles del Salnés: espacios abiertos a la innovación, financiado polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, dentro do plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A rapazada que está a participar na formación fixo un percorrido inicial básico, en formato de aventura, no que realizaron pequenas prácticas de iniciación e analizaron, a maiores de experimentar, creacións máis complexas que lles inspiren no relativo ás posibilidades de cada unha das novas tecnoloxías manexadas.

Os obxectivos deste tipo de formacións, que comezou esta semana en Ribadumia e que pasará por outras escolas de verán e ludotecas da comarca neste ano, son implementar actividades culturais, educativas e divulgativas que dinamicen o entorno dos núcleos rurais de pouca poboación. Ademais de ofrecer unha alternativa de ocio e educativa na etapa de vacacións tanto desde o punto de vista da rapazada como das súas familias, fomentan un acercamento á ciencia, á tecnoloxía e á innovación a través dunhas actividades orientadas aos máis novos de cara ao seu futuro nun mundo tecnolóxico.