O legado de Don Dositeo segue vivo e Santa Baia terá a súa romaría o domingo

m.s.s / b.c. RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

MARÍA SANTAMARÍA

A partir das doce menos cuarto do mediodía haberá música, teatro e xantar de confraternidade

28 ago 2024 . Actualizado a las 18:59 h.

Para a xente de Ribadumia, a romaría de Santa Baia, que se celebra este domingo 1 de setembro, non é só unha festa, se non que é «unha xuntanza veciñal que axuda a facer parroquia», como explica o alcalde da vila, David Castro.

O comezo darase as 11.45 horas do domingo. Nese momento, a imaxe da santa será trasladada á Carballeira de Ribadumia acompañada dos sons da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, que ofrecerá un concerto, e dos Xinetes do Ronchelo de Meis. Ao remate celebrarase a misa de campaña, tras a que se homenaxeará á xente da parroquia con diplomas e agasallos. Ao remate dos actos relixiosos ofrecerase o xantar comunitario na carballeira, que contará con polbo, bebidas frías, café e queimada no menú.

«Vai haber unha serie de bailes e troulas», comentaba o alcalde, facendo referencia aos conxuntos musicais que actuarán pola tarde. Os grupos de gaitas Os Carballeiras e Xironsa porán a nota tradicional, pero tamén actuarán o grupo de teatro Alecrín e os grupos musicais Troula e Añoranzas, este último xoga na casa e xa atendeu esta cita en pasadas edicións. No evento tamén haberá xogos e concursos.

«Non é unha romaría sen santo. Ten unha parte pagán e unha parte relixiosa, que non viven unha sen a outra», explicaba Pedro De Devesa, o humorista procedente de Valga e actor colaborador da TVG que colabora con esta romaría. «Xa teño a Ribadumia como segunda residencia no carné de identidade», sinalaba.

Xosé Ramón Serantes, presidente da Asociación cultural Romaría Santa Baia, botaba unha ollada aos comezos desta festa que «naceu para facer unha xuntanza dos veciños e ter un día especial no que comer todos xuntos». É por iso que os asistentes da presentación da romaría non se esquecían de Dositeo Valiñas, o párroco durante oitenta anos que faleceu a principios de 2024 con 103 anos. El foi quen iniciou unha festa, que xa vai pola súa edición número trinta e oito, unha tradición que a pesar da súa ausencia sigue adiante grazas aos veciños. O ano pasado choveu. Para este domingo espérase sol.