A oposición carga contra o alcalde de Ribadumia tras a sentenza do Xuventude Sisán
RIBADUMIA
O BNG pide dimisións e Somos solicita ao Concello que non recorra e se sente a falar coas partes. O goberno aínda non tomou ningunha decisión ao respecto: «O Concello non vai contra ninguén», di Castro
05 sep 2024 . Actualizado a las 16:21 h.O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra vén de fallar a favor do Xuventude Sisán Club de Fútbol sobre a demanda que presentou fronte ao Concello de Ribadumia. A sentenza, sobre a que cabe recurso, estima parcialmente o solicitado pola entidade deportiva respecto ao dereito de uso do campo de fútbol número 2 do complexo deportivo da Senra, reclamando o cambio de data dos adestramentos do luns.
A oposición tamén ten algo que dicir ao respecto, e non precisamente en favor do alcalde, David Castro. O BNG solicita directamente a súa dimisión e a do seu equipo e Somos Ribadumia pídelle ao Concello que non recorra a sentenza e busque unha solución de consenso co club. «Queremos facer un novo chamamento para que David Castro abandone esa dinámica de confrontación e favoritismos. Dende Somos Ribadumia consideramos bochornoso ter un alcalde metido nos xulgados día si e día tamén, ademais perdendo proceso detrás de proceso, algo que tampouco é gratuíto e cuxo custe sae do peto da veciñanza. E parécenos inaceptable que un alcalde teña tratos de favor cara determinados colectivos e de desprezo cara outros».
Pola súa banda, o alcalde deixa claro que non vai dimitir e explica que está por valorar se cabe ou non recurso contra a sentenza. En todo caso, «o Concello non vai contra ninguén, non é axeitado falar de vitorias neste caso», apunta David Castro. Fronte as críticas, o rexedor defende a súa xestión en materia deportiva que pon como «exemplo a seguir» e anuncia que continuará traballando nesa liña.