Falan de «improvisación» e denuncia falta de apoio do Concello ao comercio local
17 ene 2025 . Actualizado a las 13:30 h.Pasado o Nadal, Somos Ribadumia cre que é momento de facer balance de como se desenvolveron as festas no seu concello, e ao seu criterio mereceron un suspenso. Falan de improvisación á hora de presentar as actividades e darlle difusión «algo que choca coa intensa campaña de promoción do AF7 indoor, un evento que tamén aconteceu en Nadal e que contou con todos os focos do goberno local».
«Unha cuestión que consideramos moi grave é a desaparición das campañas municipais de apoio ao comercio e a falta de compromiso, de apoio e de dialogo do goberno do señor Castro co comercio».
«Por outra banda, os diversos concursos de decoración que se organizan dende fai anos teñen o formato esgotado, algo que se nota moi especialmente no concurso de escaparates. Cada vez estes concursos contan con menos apoio social, e dende o noso punto de vista o problema está en que nin os premios resultan atractivos, nin hai unha implicación do Concello en facelos visibles e en impulsalos para que logren os seus obxectivos», indican desde Somos.
«Mención a parte merece o concurso de carrozas de Reis. Nestas dúas últimas edicións unicamente se presentou a concurso unha carroza, a das ANPAs Ribadumienses, que xa participaban cando non había concurso. Resulta evidente que ese concurso, tal como xa dixemos o ano pasado, ten que organizarse doutro xeito, para lograr a implicación doutros colectivos, senón non ten ningún sentido».
En canto á cabalgata, consideran acertala tela suspendido debido á chuvia, pero «o que non se entende é que se organizase a presenza dos reis no auditorio tendo tres pavillóns de deportes, amplos e con espazo suficiente para organizar unha alternativa acorde á importancia do que en cantidade de público».
«Tampouco convence o alumeado de Nadal, e non convence porque, a pesar da enorme melloría na calidade das luces, polas súas características este tipo de alumeado resulta moi pouco vistoso se non se modifica a colocación do mesmo para adecualo aos parámetros actuais», engade Somos Ribadumia.