
Presentará unha moción ao pleno e unha iniciativa parlamentaria
30 ene 2025 . Actualizado a las 15:28 h.O PSdeG-PSOE de Ribadumia insta á Xunta de Galicia e ao equipo de goberno de Ribadumia a asumir a construción dunha nova sede para a Agrupación de voluntarios de Protección Civil. O voceiro do PSdeG-PSOE de Ribadumia, Javier Mougán, e a deputada no Parlamento de Galicia, Paloma Castro Rey, visitaron as actuais instalacións provisionais da agrupación con fin de coñecer de primeira man as condicións nas que se atopan os voluntarios, logo de que demoleran a súa antiga sede, o pasado verán por mor das obras de urbanización de A Condesa.
«A agrupación vese obrigada a desenvolver a súa actividade nun espazo reducido e sen as condicións necesarias para albergar os seus equipos e materiais de emerxencia de forma segura», explican desde o PSOE, e presentan unha moción no Concello e outra iniciativa ante o Parlamento galego para instar á Xunta de Galicia a asumir a construción dun novo edificio destinado a Protección Civil.
A proposta municipal inclúe a posta a disposición por parte do Concello dos terreos necesarios para tal fin ou, no seu defecto, a asunción por parte da Xunta das obras de acondicionamento do espazo provisional actual para adaptalo ás necesidades que hoxe teñen en Protección Civil de Ribadumia. «Sabemos do esforzo que realizan diariamente e esperamos que o pleno aprobe esta iniciativa», apuntan os socialistas.