O cruceiro de Cerneira estrea nova imaxe

La Voz VALGA

VALGA

cedida

A peza, do século XVII, foi restaurada polo Concello cunha achega da Deputación

03 oct 2023 . Actualizado a las 14:08 h.

O cruceiro de Cerneira (Valga), unha peza que data do século XVII, xa pode verse restaurado unha vez rematadas as obras de restauración. Os traballos foron máis profundos do inicialmente previsto, xa que durante a execución do proxecto detectouse unha pronunciada inclinación do varal que comprometía a estabilidade do cruceiro. O risco de derrubamento era alto e, por iso, tras solicitar os pertinentes permisos, procedeuse a corrixir esta situación e a endereitar o fuste, segundo informa desde o Concello, que promoveu as obras cunha achega da Deputación de Pontevedra.

As actuacións correron a cargo dun equipo multidisciplinar integrado polo restaurador e historiador de arte Luis Enrique Rodríguez Arias, o canteiro David Soengas e Ana María Sánchez Calzada como directora de obra.

 O cruceiro, construído en 1670 é o máis antigo que se conserva en Valga. Na década de 1930 resultou danado a consecuencia dun temporal de vento, que tirou parte da súa estrutura. Este accidente afectou de forma importante á cruz. Do anverso orixinal só se mantén o tronco da figura de Cristo, decapitado e sen brazos. Segundo recolle Lois Ladra na obra Arte relixiosa popular na terra de Valga. Cruceiros, cruces e petos de ánima, tratábase dun Cristo de tres cravos, coa cabeza ladeada cara a dereita. En canto ao reverso, que aínda se conserva, reproduce unha imaxe da Piedade, coa virxe vestida con manto e túnica sostendo a Cristo sen vida, segundo apuntan desde o Concello.

 A finais dos anos 50 levouse a cabo unha reparación da peza na que se empregaron ferro e cemento, elementos pouco axeitados que agora foron retirados. Os expertos desmontaron a parte escultórica para eliminar, de forma manual con ciceis e punteiros, o cemento que recubría algunhas zonas. Tamén revisaron e cambiaron as unións entre pezas, que estaban feitas con cinchas e cravos de ferro que se atopaban oxidados. En substitución destes colocouse unha nova vara central de fibra de vidro para reforzar a unión entre a cruz e o varal.

 

Na planta, de forma octogonal e que consta de cinco chanzos, tamén se eliminaron e sanearon as xuntas de cemento, substituíndo este material por morteiro tradicional a base de cal dunha tonalidade similar á pedra orixinal. As actuacións incluíron a limpeza da superficie da pedra, coa eliminación de depósitos de terra e de colonizacións biolóxicas (liques e musgo) que afectaban tanto á zona superior (conxunto escultórico) como á inferior (base e chanzos do pedestal).