Valga aproba a suba das taxas da auga, sumidoiros e lixo co voto en contra do PSOE e BNG

La Voz VALGA

VALGA

cedida

Os novos prezos, que entrarán en vigor en 2024, suporán 0,30 euros ao mes máis pola auga para as vivendas, 0,50 polo saneamento e 0,66 pola recollida de residuos

10 oct 2023 . Actualizado a las 16:55 h.

O pleno de Valga aprobou no pleno de onte a actualización das taxas polos servizos de sumidoiros, abastecemento de augas e recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos. As dúas primeiras levaban sen subir desde o ano 2021 e a do lixo, dende 2017. Os novos prezos, que entrarán en vigor en 2024, suporán 0,30 euros ao mes máis pola auga para as vivendas, 0,50 polo saneamento e 0,66 pola recollida de residuos, cantidades reducidas que «non chegan nin á suba do IPC», explicaron o alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Facenda, José Ángel Souto.

O obxectivo desta medida, aprobada cos votos favorables do grupo de goberno e en contra de PSOE e BNG, é, segundo o informe de intervención, avanzar cara a «autonomía financeira do Concello e reducir o déficit destes servizos», sobre os que o rexedor dixo «sentirse orgulloso porque non os teñen en outras localidades da contorna e porque mantemos a nosa liña de mínimos impostos para os veciños».

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego explicou o seu voto en contra deste punto alegando que a suba «non contempla cuestións tan importantes como os beneficios sociais de cara a aquelas familias en situación de vulnerabilidade».

«Entendemos, ademais, que debería terse aplicado, en todo caso, unha porcentaxe menor na categoría de vivendas, xa que foron estas as que sufriron unha suba moi alta anteriormente e debera compensarse nesta nova actualización das taxas».