Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Traslado médico dun neno tras chocar un autobús co coche no que viaxaba en Valga

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VALGA

MARTINA MISER

O accidente aconteceu na N-550 a primeira hora da tarde

31 ene 2024 . Actualizado a las 21:54 h.

Un rapaz, duns 12 ou 13 anos segundo informan desde Protección Civil de Valga, precisou a primeira hora da tarde de onte dun traslado médico tras o accidente sufrido por un autobús e o turismo no que o neno viaxaba co seu avó.

O suceso aconteceu arredor das dúas e media da tarde, cando o coche circulaba pola N-548 dirección Vilagarcía de Arousa. Á altura do quilómetro 3, no lugar valgués do Forno, un autobús irrompeu na vía. Segundo as mesmas fontes da agrupación de voluntarios, semella que á condutora do transporte colectivo lle fallaron os freos cando procedía a parar en espera de poder acceder á N-548 desde a estrada vella unha vez llo permitira o tráfico.

O autobús impactou contra o lateral esquerdo do turismo no que viaxaban o neno e o seu familiar, golpeando a porta do primeiro e a de atrás. Persoal médico presentouse no lugar, decidindo o traslado do menor ao comprobar que, se ben estaba consciente e podía falar, presentaba unha dor no peito e falta de alento.

Corte parcial de tráfico

O accidente obrigou á Policía Local e á agrupación de Protección Civil de Valga a montar un dispositivo de tráfico, cortando o carril afectado e regulando a circulación en ambos os dous sentidos polo restante. A atención médica e a limpeza do treito da vía obrigaron a manter o corte parcial unhas dúas horas, ata a reapertura sobre as catro e media da tarde.