O Festival de Outono de Corais de Valga será o día 5 e contará con catro grupos

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

Organiza a Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro, que exercerá de anfitrión

27 sep 2024 . Actualizado a las 15:55 h.

A música coral segue soando en terras de Arousa. A próxima cita será en Valga, onde catro agrupacións reuniranse o vindeiro 5 de outubro no auditorio municipal na décimo sexta edición do Festival de Outono de Corais, organizado pola Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro. Ademais dos anfitrións, actuarán neste festival a Polifónica de Cambre, Cantigas do Castro (Pontevedra) e a Coral Polifónica de Arbo. As catro realizarán unha actuación individual e, como colofón interpretarán de forma conxunta varios temas. O concerto dará comezo ás 19 horas con entrada gratuíta para o público.

A presidenta da coral de Cordeiro, Valentina Ferro, pon en valor o esforzo que os membros da agrupación realizan «para mellorar día a día» e ampliar o abano de oferta cultural aos afeccionados á música vocal.

A agrupación musical está integrada na Federación Galega de Corais, fundouse en 1994 coincidindo coa festividade da súa patroa, Santa Comba, e tendo dende os inicios como director a Manuel López Castro. Na actualidade está integrada por 37 membros (15 sopranos, 9 contraltos, 9 tenores e 4 baixos).

Ao longo da súa traxectoria ten protagonizado incontables actuacións de música popular e sacra en toda a xeografía galega, en Asturias e Portugal. Entre as funcións máis sobranceiras, as que tiveron lugar no pazo de Fonseca, na catedral de Santiago ou no santuario de Fátima, segundo informan desde o Concello de Valga.