O pleno de Valga rexeita a moción do BNG para crear un local de ensaio para os grupos musicais

La Voz VALGA

VALGA

Copa Turbo é un dos grupos que conta con participación valguesa
Copa Turbo é un dos grupos que conta con participación valguesa MONICA IRAGO

Os nacionalistas argumentan que «as novas correntes musicais fan de Valga un referente galego neste eido»

30 oct 2024 . Actualizado a las 10:24 h.

O BNG de Valga non puido sacar adiante no último pleno a súa proposta para a creación dun local de ensaio para os grupos de música local debido á falta de apoio do goberno local (PP). Na súa moción solicitaban o acondicionamento dalgunha instalación municipal para este fin tendo en conta «as novas correntes musicais que fan de Valga un referente galego neste eido». Os nacionalistas aluden aos grupos Sunrise, Cazador, Copa Turbo, Músculo!, Noise Project, Nox, Satenga e Yoplay, que contan con integrantes de Valga e carecen dun local «digno» no que poder ensaiar.

Ademais de habilitar un local, o BNG pedía na súa moción que se apostase pola autoxestión do local por parte dos usuarios e se contase cos grupos locais á hora de facer a programación cultural municipal. Pero o PP desbotou a moción o cal o BNG «lamenta profundamente», como critica, tamén, que o seu voceiro municipal, Fran Devesa, no puidera formular as preguntas que levaba preparadas para o pleno ao dar o alcalde por finalizado a sesión, «mostrando unha vez máis o pouco rigor democrático e a falta de vontade de debate de quen preside os plenos».