ADIF avanza na supresión dos pasos a nivel da vía ferroviaria en Valga

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

MARTINA MISER

O subdelegado do Goberno en Pontevedra visitou hoxe unhas obras que non serán as últimas

30 oct 2024 . Actualizado a las 16:20 h.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou hoxe as obras de supresión de dous pasos a nivel en Valga, en compaña do subdirector de Pasos a Nivel e Instalacións de Protección e Seguridade do Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF), Roberto Muela, entre outras autoridades.

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias destina máis de 3,5 millóns de euros a esta intervención que permitirá suprimir os dous pasos a nivel da liña Vilagarcía de Arousa?Bifurcación Angueira neste termo municipal, situados nos cruces cos camiños de Castiñeiras e Carracido. A solución que está a executarse contempla a construción dun paso superior sobre a vía férrea, así como dous viais paralelos á traza.

«Con esta actuación non só se dá resposta a unha demanda histórica do Concello, senón que se mellora a permeabilidade da infraestrutura no municipio e se incrementan as condicións de seguridade, en especial para os peóns, así como para o tráfico viario e o ferroviario», explicou o subdelegado.

O novo paso superior permitirá o cruzamento das vías e, ademais, executaranse camiños de ligazón, conectando ambas as marxes e permitindo a accesibilidade para os propietarios de terreos e veciñanza. As obras foron adxudicadas á empresa Construcións Obras e Viarias e terán un prazo de execución de nove meses.

Abel Losada salientou que estas obras «materializan o compromiso existente de supresión de todos os pasos a nivel que existen na provincia» e que enmárcanse no convenio subscrito por ADIF e o Concello de Valga, polo que a axencia estatal realizará as obras, en tanto que o Concello asumirá o custo de máis de 200.000 euros que supuxo a obtención das máis de 240 parcelas e predios afectados. Ademais, o Concello asumirá no momento do remate das obras o mantemento e conservación dos novos viais.

Por outra banda, Abel Losada coñeceu os plans do ADIF para avanzar de cara á supresión dos outros dous pasos a nivel que aínda quedan neste municipio. Un deles está situado no límite con Pontecesures e para o que se están a barallar dúas opcións. O outro sitúase no outro extremo da vía férrea, moi preto xa de Catoira.

Pola súa banda, Roberto Muela lembrou que Valga ten historial de accidentalidade nos pasos a nivel que poderase frear grazas a este tipo de actuacións.