Arranca en Valga a renovación de servizos da Avenida da Coruña

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

As obras provocarán limitacións no tráfico da N-550, con cortes intermitentes que serán regulados e sinalizados

06 nov 2024 . Actualizado a las 18:33 h.

O Concello de Valga, a través da empresa adxudicataria Covsa, acaba de dar inicio ás obras de renovación de servizos na marxe dereita da Avenida da Coruña na estrada N-550. O proxecto conta cun orzamento de 464.248 euros, que serán cofinanciados entre o ente autonómico Augas de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o propio Concello.

Os traballos comezaron á altura da ponte sobre o río Valga, e irán avanzando progresivamente ata o edificio Bella Valga. O obxectivo é renovar completamente a rede de recollida de augas pluviais e a de abastecemento. Vaise mellorar a rede de iluminación pública coa instalación de novas lámpadas LED e soterrar o cableado das redes eléctrica e telefónica, liñas aéreas que sobrevoan postes e ocupan as beirarrúas e dificultan o paso nalgunhas zonas.

As beirarrúas serán reconstruídas con lousa hidráulica de formigón de características semellantes ás existentes e mellorará á accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.

As obras obrigarán a adoptar limitacións na circulación de tráfico na estrada N-550, con cortes intermitentes no carril dereito, que estarán regulados e convenientemente sinalizados. Por esta razón, o Concello de Valga pide preocaución a condutores e peóns.