Os 101 anos de Benilde Castaño, a muller que conta dende Valga «os paus dos muíños» da serra do Barbanza
VALGA

A segunda muller con máis idade do municipio do Baixo Ulla celebrou onte o seu aniversario
13 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Dolores Benilde Castaño Bandín, é a segunda muller máis vella de Valga: María Tarrío lévalle uns meses e conta dende setembro os 102 anos. Dolores, pola súa banda, fixo onte os 101. Un aniversario especial no que recibiu na súa casa de Cordeiro a visita do alcalde, José María Bello Maneiro, e da concelleira Carmen Gómez. Non foron os políticos coas mans espidas: agasallárona cunha torta e cun ramo de flores.
Os representantes do concello foron uns máis no medio dos numerosos familiares e achegados de Benilde, entre eles o seu neto, a súa nora e a súa sobriña. Todos brindaron pola boa saúde da centenaria, que aínda que con escasa mobilidade, conserva o gusto pola boa conversa: fala con todo o mundo e de todos os temas, facendo gala dunha memoria prodixiosa que se mantén intacta e que lle permite adobiar as conversas con múltiples anécdotas de tempos pasados.
Prodixiosa é, tamén, a súa vista. Dende a súa casa, e sen lentes, afirma Benilde ver «o monte de Laíño, como pasa o tren» pola outra beira do Ulla, e «contar os paus», que é como bautizou aos aeroxeneradores da Serra do Barbanza.
Benilde naceu en Beiro, pero trasladouse a Laxes cando casou. Tivo un fillo, tres netos e dous bisnetos e durante uns anos residiu en Pontevedra, onde traballou como cociñeira e rexentou unha pensión para estudantes. A súa foi unha vida dura e marcada pola perda de seres queridos, coma o seu home e o seu fillo.