O Vilagarcía T.M. ficha a Jean Lauric, internacional belga e bicampión do seu país
VILAGARCÍA DE AROUSA
O conxunto arousán conta con cinco xogadores para a súa estrea na Superdivisión, e recibe o visto bo da Fundación de Deportes para disputar os seus partidos na máxima categoría no pavillón da rúa Castelao
07 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.O Vilagarcía T.M. pechou onte a fichaxe de quen debe completar un plantel de garantías para acadar a permanencia ao final da que será a primeira tempada do conxunto arousán na máxima categoría do tenis de mesa español, a Superdivisión. O belga Jean Lauric chegou a un acordo co equipo para disputar 9 dos 22 partidos da liga, con posibilidade de ampliar o número de ser preciso, informa o adestrador vilagarcián.
Antonio Castro explica de que Jean Lauric, de 25 anos, conta no seu currículo con dous títulos de campión de Bélxica, país co que é internacional. Foi ademais, engade, número 1 do ránking da Bundesliga 2 de Alemania 2015/16, na que militou parte da tempada pasada, xogando o resto na máxima categoría belga. «Yo creo que es el mejor jugador de Bélgica», sostén Castro.
Con Lauric, e despois de pechar un par de semanas atrás a contratación do checo Michael Obeslo, xogador que viña evolucionando na Superliga de Suecia, para 4 partidos con posibilidade de ampliación, no Vilagarcía T.M. confían en contar cos mimbres precisos para eludir as prazas de descenso. «Con Obeslo y Lauric tenemos un número 1» para algo máis da metade da tempada, comenta Antonio Castro, nun plantel no que continúan os tres homes fortes que acadaron o ascenso, Sergii Nigeruk, Andrés Correa e Ramón Mampel.
O equipo xogará no Castelao
Entre as boas novas recentes no Vilagarcía T.M. está a da concesión por parte da Fundación de Deportes local do pavillón da rúa Castelao para os seus partidos de Superdivisión.