«O cemiterio dos ingleses é un espazo mítico»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O escritor arousán Marcos Calveiro vén de gañar o premio García Barros coa súa última novela, ambientada en Vilagarcía

13 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre 1874 e 1936, a Royal Navy atopou na ría de Arousa un lugar perfecto para o repouso dos seus mariños e o fornecemento dos moitos e variados produtos (bótenlle imaxinación, que pedían de todo) que unha Armada coma a británica precisaba. Coa única paréntese da Primeira Guerra Mundial, ano tras ano os navíos e as súas tripulacións revolucionaron Vilagarcía durante seis décadas. O estoupido da Guerra Civil cortou as súas visitas, como tantas outras cousas. Hoxe, de todo aquilo quedan na capital arousá un bo feixe de fotografías e postais, abondosa documentación e un certo pouso british que o resto dos arousáns recoñecen con retranca, atribuíndo aos vilagarciáns o alcume de ingleses. Tamén un cemiterio, o British Naval Cemetery de Rubiáns, no que os servidores da Súa Maxestade daban sepultura aos mariñeiros finados. O derradeiro deles foi James M. Brown, tripulante do acoirazado Hood, que caeu ao mar o 17 de xaneiro de 1935. O seu corpo, rescatado na Illa, foi o último en ser soterrado en Rubiáns. Dende aquela, primeiro Ramón Rebolo pai, e a continuación o seu fillo, tamén Ramón, e a muller deste, Emérita Mouriño, coidaron do estraño pero sedutor camposanto pechado ata a súa xubilación, no 2013.

Este é o punto de partida de O xardineiro dos ingleses, a última novela de Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968), que iniciará a súa xira de presentación na capital arousá, o vindeiro martes, e onte ofreceu un anticipo. «Nacín e pasei a infancia e a adolescencia en Vilagarcía, e sempre escoitabas historias sobre os ingleses. A novela parte dun feito real, que é a homenaxe que hai anos lle renderon a ese home que dedicara media vida a coidar o cemiterio. O meu xardineiro non é ese home, os datos e os nomes están cambiados, pero si é unha historia do porque alguén fai algo así, que obriga, que débeda moral se atopa aí detrás. Na narración hai un segundo plano, a historia en tempo real, na actualidade, dun escritor que segue ese fío para escribir unha novela».

Lorca, Sorolla, un espectáculo

Aínda que calquera apostaría por unha novela de pegada autobiográfica, Marcos bota por terra esta presunción: «Non, non, ten moito das miñas vivencias de adolescencia e infancia, claro, pero ese escritor non é Marcos Calveiro». Entre esas vivencias hai algunha que outra incursión no camposanto inglés. «Dun xeito ilegal -bromea-, brincando a tapia algunha mañá a primeira hora, porque daquela non había posibilidade de entrar doutro xeito. A min sempre me chamou a atención, dende neno, era un espazo mítico».

Calveiro aproveita a ocasión para retratar a Vilagarcía das tres primeiras décadas do século pasado. «Tiña que ser impresionante. Pensa que fondeaban na ría douscentos buques ingleses. Milleiros de mariñeiros británicos que invaden a vila, os establecementos, os bailes, os teatros, os cines, comercios, hoteis, o magnífico balneario de madeira, a praia ao pé da Alameda, a visita de Sorolla cando pinta o seu cadro da romaría galega no pazo de Vista Alegre, Lorca actuando con La Barraca na Peixería... Vilagarcía tiña que ser un espectáculo». Xa que o discutible progreso levou por diante a meirande parte daquela vila, algo tiña que quedar. Por exemplo, esa serie de espectaculares coleccións de postais que facilitan ao novelista a imprescindible documentación. «Vilagarcía debe de ser a vila máis fotografada da época».

Taberna e literatura

Neto de taberneiros e feirantes, Calveiro, que por se fose pouco tamén é avogado, rexenta, á súa vez, o café Badía, en Vigo, onde reside coa súa familia. Mola imaxinar unha bohemia relación entre a literatura e a barra do bar. Pero a realidade é moito máis pedestre. «Para nada, no se levan ben, a hostalería case non deixa tempo para escribir. Comezarei de novo agora, porque o caixón no que esta novela levaba xa tres anos está de novo baleiro». Aquela Vilagarcía británica, en fin, tiña o seu camposanto. Dende agora, tamén a súa novela.