O aprendiz do «Bruxo» devólvelle a maxia do pulso a Sergei Nigeruk

VILAGARCÍA DE AROUSA

Mónica Irago

Compañeiro de club, Carlos Costa acelerou a recuperación do ucraíno cun emplasto tirado da experiencia con José Luis Torrado

28 feb 2018 . Actualizado a las 10:47 h.

Sergei Nigeruk foi o pasado domingo xunto co belga Jean Lauric unha apisoadora ante os rivais do Arteal-Santiago, terceiro clasificado da Superdivisión de Tenis de Mesa, que perdía 4-1 na súa visita ao Vilagarcía Cocinas Bulthaup, sexto. O ucraíno recuperara o seu habitual sobresaínte nivel de xogo, que viña mantendo ata que a 21 de xaneiro, nun dos seus duelos co L’Escala, sentía un lategazo no seu pulso dereito. Cunha dor insoportable cada vez que tiraba do revés, que dota o seu golpeo da pelota dunha potencia e velocidade coma poucos outros xogadores son quen de imprimir hoxe no tenis de mesa en España. Vendo tres semanas despois que a dor e a inflamación da zona seguía sen remitir, con Sergei podendo xogar tan só de dereita, o adestrador do Cocinas Bulthaup, Antonio Castro, recordou que Carlos Costa, xogador do segundo cadro do club, tiña coñecementos de mesturas de herbas medicinais en lesións así. Sen posibilidade de acelerar unha resonancia á marxe da Seguridade Social, inasumible para as modestas arcas do club vilagarcián, o comodín da chamada foi man de santo. Ou de Bruxo.

Carlos Costa lembraba onte como nos seus anos mozos as súas constantes lesións por exceso de adestramento nos seus inicios no atletismo -chegou ser un dos mellores mediofondistas galegos nos 90- o levaron moitas veces onda José Luis Torrado, o recuperador e preparador físico mugardés afincado en Pontevedra coñecido popularmente polo Bruxo, pola súa habilidade para acelerar a recuperación de deportistas de primeiro nivel, coma Juanito, ou persoeiros coma Manuel Fraga. Ás veces, mediante o emprego de herbas medicinais.

«Cando ía ao Bruxo dicíame, ‘isto está inflamado, hai que poñerlle unhas herbas 5-6 días. As miñas nunca foron lesións óseas», lembra Costa, a quen a curiosidade levou a empezar a «investigar un pouco, preguntándolles a outras persoas que traballaban con herbas medicinais nas Canarias, en Granada, en Castela... que coñecía nos campionatos de España de atletismo. Descubrín que case todos os preparados levaban as mesmas herbas». E así, nun momento da súa carreira no que se atopaba preparándose nas Canarias, cando sufriu unha nova lesión, e sen opción práctica de recorrer ao Bruxo, «probei a facer o preparado. Non había ningún segredo telúrico, era algo intuitivo». E tan ben lle funcionou, que mesmo algún dos clientes que daquela tiña como masaxista se beneficiaron do emplasto.

Pasou o tempo, e a vida do que fora no seu día alumno de INEF aparcara o uso do preparado. Ata que hai algo menos dun mes o seu fillo de 13 anos recibía un golpe nun xeonllo. «O médico díxolle que tiña que estar parado dúas ou tres semanas. Prepareille o emplasto, e ao aplicarllo mellorou incriblemente rápido. En cinco días estaba ben».

Consolda raíz, para a cicatrización, macela doce, para protexer o tecido cutáneo, árnica, poderoso antiinflamatorio, e cola de cabalo, activador da circulación. Estas son as herbas e os beneficios que, reunidos e mesturados por Costa, lle aplicou a Nigeruk cando este decidiu deixar de forzar a máquina, e aproveitar o último parón ligueiro para descansar catro días: «Férvense, e despois de aproveitar a auga pasando unhas compresas na zona lesionada, cando as herbas están mornas faise o emplasto e aplícase con varias voltas ata que está comprimido, inmobilizando a zona 8-10 horas, de 3 a 5 días no caso de Sergei».

Tanto Costa como o ucraíno salientan o efecto beneficioso do emplasto, pero tamén subliñan a súa condición de complemento. «Se o dano fose maior, non bastaría», di Costa, «foi unha boa axuda», ao que Sergei asinte, sinalando que foi un plus ao descanso do pulso e o uso de fármacos. «A los cuatro días de empezar con el emplasto noté mucho menos dolor al jugar», conta o xogador. Outro beneficiario da sabedoría popular.