Jéssica Bouzas escala ao posto 156 do mundo o día que accede ao cadro final do Trofeo Ferrero

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Cedida

A vilagarciá superou onte os dous partidos da previa e hoxe busca ante a lituana Kamilla Bartone unha praza nos dezaseisavos de final 

27 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nova semana, e nova escalada de Jéssica Bouzas Maneiro no ránking ITF Tennis Junior. Cos puntos obtidos o pasado venres como subcampioa do dobres do Torneo de Benicarló xunto coa italiana Nuria Brancaccio permitíndolle subir doce postos na clasificación mundial, ata o 156, nun novo rexistro persoal da vilagarciá. Unha liña que a mantén desde a semana pasada como cuarta mellor raqueta española do circuito de referencia Sub-18 para aspirantes ao salto a medio prazo á WTA.

A ex xogadora do Club de Tenis O Rial e desde hai ano e medio alumna da Academia Tenis Ferrer está a protagonizar un mes de marzo antolóxico, que aspira a pechar cunha nova grande actuación no Torneo Juan Carlos Ferrero. Palabras maiores, en tanto se trata xa dunha cita de grao 1, a máxima do circuito ITF Tennis Junior á marxe dos catro torneos do Grand Slam, e dos Xogos Olímpicos da Mocidade, do Open de Italia e da Orange Bowl.

Nas pistas do JC Ferrero-Equelite Sport Academy comezou onte a baterse Jéssica. Desde o cadro da previa. Exenta da primeira das súas tres roldas, a arousá gañou os dous partidos requeridos para pasar ao cadro principal: 6-4/6-2 á xermana Marie Hoppe, e en tres sets, 7-5/5-7/6-2, á india Tanisha Kashyap, cabeza de serie número 9 da previa.

 

Bartone para medirse á Nº 9

Bouzas, que no cadro de clasificación era a segunda xogadora con mellor ránking, mídese hoxe á lituana Kamilla Bartone, saída tamén da previa coa sexta mellor puntuación do cadro. A vencedora mediráse mañá á rusa Oksana Selekhmeteva, cabeza de serie número 9 do torneo, nos dezaseisavos de final.