A terceira edición do Mushing de Vilagarcía engade unha proba de relevos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

A cita, o domingo en Renza, abrirá a Liga Galega

08 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A terceira edición do Mushing de Vilagarcía de Arousa servirá na mañá deste domingo como apertura do calendario da Liga Galega do deporte que reúne nun equipo a humano e a can. Unha condición esta última que apunta a constante, co club Kennel Den de Catoira como responsable da organización.

Ás 9.30 horas comezará a competición, coa saída ordenada de dúas en dúas parellas participantes dos 41 inscritos na modalidade de canicrós. Rematada esta, desde as 10.15, será a quenda dos 23 deportistas anotados no cadro de bikejoring -o humano corre en bicicleta-, e ás 11 a dos 8 de patín. Número este último tamén dos equipos inscritos na novidosa carreira de relevos, a partir das doce, que comezará cunha saída de canicrós, co primeiro relevo de bikejoring, para rematar co terceiro integrante de cada equipo completando o percorrido en patín co seu compañeiro canino. Ás inscricións sinaladas súmanselle a dun neno na modalidade de canicrós e a dunha nena en patín.

O trazado manténse respecto aos dous anos anteriores, con 3,6 quilómetros polo monte de Xiabre, e o campo de fútbol de Renza como punto de saída e de chegada. Desde a organización, o seu director deportivo, o catoirense Anxo Martínez, explicou que o Mushing de Vilagarcía, disputado nas súas outras ocasións no mes de outubro, retrasouse unhas semanas «polo calor que trouxo o cambio climático». E é que a normativa fixa en moitas das modalidades un máximo de 18 graos de temperatura, para preservar a saúde dos cans, moito máis sensibles ás medias e ás altas temperaturas cós seus compañeros de dúas patas.

Tamén como nas dúas edicións anteriores, os dous líderes do Kennel Den, a catoirense Mónica Touriño e o vigués Óscar Piñeiro, sexta e bronce no Campionato de Europa de finais de outubro en Suecia, respectivamente, parten como indiscutibles favoritos aos triunfos nas categorías séniores de canicrós.

Calendario moi reducido

A tempada 2018/19 arrincará o domingo cun calendario de mushing sobre terra moito máis curto do que é habitual, mesmo reducido á metade en varias das súas competicións. Así, a Liga Galega, con cursos de ata oito probas, só contará nesta campaña con tres. O mesmo acontece coa Copa de España, o torneo estatal da regularidade, que arrincará a vindeira semana, o día 18 en terras de Xerona. Será unha semana antes do Campionato de España, o 24 e 25 en Polientes, Cantabria.