«Que lles diría aos que din que o cómic é unha arte menor? Non leron o suficiente»
VILAGARCÍA DE AROUSA
En 18 anos no negocio, o vilaxoanés converteu a súa tenda nun referente da banda deseñada, cunhas 20.000 obras á venda
02 ene 2019 . Actualizado a las 10:48 h.«Busca algo que che guste, porque así dedicaraslle todas as horas que fagan falta». Santi tan só ten 9 anos, pero seu pai entende que hai leccións de vida que convén aprender canto antes. Sobre todo, cando quen chas regala pode dar exemplo. Só un ano máis có seu fillo tiña Santiago Navia Moldes (Vilaxoán, Vilagarcía, 1/II/1969) cando no quiosco do seu barrio descubriu un novo mundo ante os seus ollos. Nun retapado da emerxente editorial Forum cos números 21 a 25 da edición española de Conan o Bárbaro do mestre Roy Thomas, que recollían do 94 ao 102 da edición americana. O relato da morte de Bélit, o grande amor na épica e dramática historia do cimmerio, cativou a un neno que hoxe se recorda xa daquela un lector empedernido de libros: «Aquel cómic abriume un mundo, un medio que me contaba historias que me impactaban; realistas e á vez fantásticas».
Un mundo de posibilidades que non deixou de explorar desde entón en toda a amplitude, acompañándoo ata que hai 18 anos apostou por ese traballo para vivir que lle dá a vida traballando co que todos soñamos. A Gata Tola. Un dos grandes templos para os amantes do cómic en Galicia, que nas súas estantes da avenida Romero Donallo de Santiago de Compostela ofrece entre 10.000 e 20.000 referencias, cantidade que Navia non acerta a concretar, e unhas 400 novidades mensuais que inclúen practicamente a totalidade da oferta da banda deseñada editada en España, con firmas de todo o planeta. As coleccións de superheroes, pero tamén o manga, o cómic europeo e o independente. Co asesoramento personalizado dun libreiro quen de contentar o coleccionista máis selecto, e acertar de cheo co despistado na procura dun título co que acertar nun agasallo sen máis título e autor que o gusto do seu destinatario.
Tardou en atopar o seu camiño o propietario da Gata Tola. Trinta e un anos contaba xa cando o 18 de decembro do 2000 abría a súa libraría. Licenciado en Arte Moderna e Contemporáneo pola Facultade de Xeografía e de Historia de Santiago, vivira de facer aquelas primeiras tarxetas sanitarias expedidas polo Sergas, traballando despois de brigadista forestal, e encadeando logo tres anos o labor de medición da masa forestal de media España para unha firma do Estado. Ata que a idea de montar unha tenda de cómics que levaba roldándolle tempo a cabeza pasou do papel á realidade en 3D.
A tesina que regalou a marca
Nun Salón do Cómic de Barcelona fixo os contactos precisos para cimentar a parte máis prosaica do seu proxecto, a subministración do produto. Para o demais tirou da súa paixón, das súas calidades persoais, e do aprendido no camiño. Como da tesina que algún día lle gustaría poder rematar sobre a relación dos cómics e do cine a comezos do século XX; dúas formas de expresión narrativa que comparten data de nacemento, 1896, dinos Santiago, e que entende que «se deberían ensinar no colexio xunto á literatura», por canto «a cultura e a narrativa dominante dos séculos XX e XXI é visual». Desa tesina bebe o nome da súa libraría, a tradución de Crazy Cat, un dos títulos pioneiros nese soporte, a prensa, que arrolou o cómic na súa infancia, e que contaba a historia surrealista dun gato que interpretaba como unha mostra de amor os ladrillazos da súa pretendida, que o aborrece. Un dos cómics que «me marcou», sinala, polo seu surrealismo, e co que dotou de identidade a A Gata Tola: «Gustoume como soaba, un nome co que se queda a xente».
Preguntámoslle a Santiago que lle diría a aqueles que pensan que a banda deseñada é un arte menor. Con coñecemento de causa, contéstanos: «Que lles diría? Que non leron o suficiente».
Roy Thomas, Moebius, Terry Austin, a fonte da vida dos 80, e as calidades para poder vivir de despachar libros de viñetas
«O meu traballo non difire do dun libreiro tradicional. Só estás especializado». Nada menos. Porque esa especialización da que fala Santiago Navia, Santi para cantos o coñecen no mundo da banda deseñada, é froito do equivalente a un gran volume de terabytes de coñecemento, asentado na súa cabeza polo pegamento da atracción sen cancelas por un mundo narrativo tan vasto como o de calquera manifestación artística de masas nos últimos 120 anos de historia.
Con Conan gateou. Coa Historia dos Cómics de Toutain (1982) entrou na adolescencia lectora. E nela foi medrando a través das páxinas de revistas españolas do xénero coa aura mítica de 1984 e a súa prolongación en Zona 84, ou Tótem, e dos grandes clásicos que transformaron nese momento e para sempre un dos seus xéneros preferidos, o dos superheroes. Watchmen (Alan Moore e Dave Gibbons), V de Vendettta (Moore e David Lloyd), Batman: ano un ou Daredevil: Born Again (Frank Miller e David Mazzucchelli), o Superman de John Byrne, a etapa dos X-Men con Chris Claremont ao guion e Byrne aos lápices; o Thor de Walter Simonson... «Nos 80 houbo unha revolución nos superheroes, cun corte máis adulto, que deu lugar a un cumio en todos os aspectos, tanto de narrativa clásica, coma experimental do que se segue a beber», sostén o propietario da Gata Tola.
Roy Thomas, polo papel precursor desa revolución, Moebius, «un xenio», e Terry Austin, a terceira pata da era de ouro dos X-Men de Claremont-Byrne, encabezan os podios do guionista, debuxante e entintador do libreiro, que engade á lista o español Carlos Jiménez como «autor total», desvelando o seu marcado gusto tamén polo cómic europeo e polo manga de mestres como Tezuka ou Taniguchi.
Mais «non chega con ser un amante dos cómics», subliña Santi. Para poder vivir de vendelos un debe tamén «como en calquera negocio, saber de xestión das contas», e ser «un dinamizador cultural». Sobre este último punto, A Gata Tola serve habitualmente tamén de espazo para exposicións, festas temáticas, partidas de rol; ou presentación de novas obras, como recentemente El Rey de la Carretera, segunda novela gráfica do santiagués José Ángel Ares.
Un sector dixitalizado con Galicia á marxe do seu auxe; para todos os públicos
Dicíanos Santi que entre as calidades dun libreiro de cómics con futuro está saber de xestión. Empezando polo funcionamento dos mecanismos internos do sector, e a adaptación aos seus cambios. E o mundo da banda deseñada vive unha nova era coa dixitalización. Coa impresión dixital, e coa crise, explica, «as editoriais decidiron quitar máis títulos, pero reducir as súas tiraxes. Iso xera máis novidades. Pero tamén que un cómic que saíu un mes, ao seguinte teña outros 400 novos enriba, e semelle vello. Non se deixa madurar os títulos». E coa publicación dixital os compradores máis novos, sobre todo os de manga, «o normal é que lean primeiro na pantalla, e logo compren o que lles interesa. Pérdense vendas, pero pódense gañar novos lectores. Son as regras do xogo», di resignado Santi.
Nesa liña, hoxe non hai un perfil de comprador. «Coa cantidade de cómics que hai, hai títulos para todos os públicos e todas as idades» conta desde A Gata Tola. Coa muller gañando terreo en todos os campos. «Cando abrín a tenda era o 30 % da clientela; hoxe é o 40 %», apunta o libreiro, que recorda que este ano a valenciana Ana Penyas se convertía na primeira autora en gañar o Premio Nacional del Cómic, pola súa novela gráfica Estamos todas bien.
«Estamos nun momento de esplendor do cómic», sostén Santi. Non así o español, e menos o galego, onde só BD Banda, de Kiko Dasilva, Demo Editorial, e El Patito Editorial publican con -baixa- frecuencia, sinala. «Aquí só viven disto autores que destacan moito», como David Rubín, a vilagarciá Enma Ríos ou Miguelanxo Prado. Coa desaparición dos suplementos de banda deseñada dos xornais coa crise perdeuse unha fiestra que «lles daba aos novos autores visibilidade ante moito público que non coñecía o cómic». Por iso, «sería bo recuperar algo así», sentencia Santi.
Unha colección persoal repartida entre varios almacéns
«Miles. Non quero saber cantos» son os cómics e libros especializados que forman a colección persoal de Santi Navia á marxe da libraría. Con multitude de orixinais, e pezas como unha páxina dobre da Hulka de John Byrne. A xoia da coroa, unha Artist Edition do Daredevil Born Again de Miller. Tal é o volume da súa colección, que garda parte dela en varios almacéns.