Un promotor do deporte polo e para o deporte

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Coira fomenta a práctica do tenis entre os rapaces de toda Galicia mentres fai triatlón amateur

22 feb 2021 . Actualizado a las 08:31 h.

«Ao final son moitos máis os que gozan do deporte cos que chegan ter grandes resultados». Nunha sociedade que enxalza a híper competitividade e o éxito como valores supremos, Carlos Coira reflexiona sobre a importancia de ter claro o norte na parcela que lle toca. Coordinador de Desenvolvemento de Programas Deportivos da Federación Galega de Tenis desde hai unha década, a súa educación e a vida déronlle bos argumentos para saber do que fala. Sen ir máis lonxe, co exemplo na casa dun irmán, Pablo, que formou parte daquela xeración de ouro que lle deu ao fútbol español o seu primeiro Mundial, o Sub-20 en Nixeria 1999, e que gozando despois dunha carreira profesional, estendida hoxe á parcela técnica en Dubai, non rematou entre os elixidos para maiores glorias como compañeiros de nomes Iker ou Xavi, que tocaron o Olimpo cos seus clubs e coa selección absoluta.

«O máis importante é pasalo ben. Se o fas, ao final, se traballas e tes condicións, podes chegar arriba. Se non gozas do deporte, non o farás nunca», di Carlos, que pon o foco nese fenómeno do proxenitor controlador tan pernicioso para os rapaces: «Se é o caso de que o deporte lle gusta ao pai e non ao fillo, é un caso abocado ao abandono». De aí que o vilagarcián amose a súa desconformidade cunha das derivadas desa fabrilización vertical do deporte moderno: «Agora téntase especializar moi pronto os rapaces, xa con 5 anos. Eu creo que o mellor é que proben de todo un pouco antes de decidirse por un deporte». Como puido facer el no seu momento.

Fillo de Carlos Coira, extremo entre outros do Arousa, do Céltiga ou do Lugo, o hoxe técnico da Federación Galega de Tenis ía ver cada semana os seus partidos. «Sempre me gustou moito o deporte, na miña casa así mo inculcaron. De rapaz probei un pouco de todo. Natación, atletismo, baloncesto...» Pero foron dúas as especialidades que remataron por fusionarse ao seu adn, ata dar unha boa medida de quen é hoxe Carlos Coira júnior.

Foi pouco despois da súa entrada na escola de fútbol do Arousa, cuns 10 anos, cando comezou a dar os seus primeiros raquetazos no Club Tenis O Rial. Unha instalación promovida entre outras pola súa familia no lugar do mesmo nome nos lindes de Vilagarcía con Vilanova, e na que Carlos e o seu irmán Pablo pasaron boa parte dos seus veráns mozos.

Chegado o momento de cambiar de domicilio para facer a carreira de INEF en Oleiros, o arousán descartou a opción de probar sorte no primeiro equipo do Arousa, en Terceira. Dianteiro, matou as ganas de seguir dándolle patadas ao balón en equipos de categorías rexionais. Ata que no 2001 colgou as botas. Un par de anos antes xa o fixera coa raqueta, coa que, confesa, nunca apuntou grandes maneiras.

Os tempos de universitario chegaran ao seu fin e Moncho Díaz ofrecéralle o posto de preparador físico no Arousa. Era a tempada 2001/02, e Carlos Coira iniciaba unha etapa de nove anos, varios deles compaxinando o seu labor no primeiro equipo coa dirección da escola do club, para rematar os dous últimos coordinando a estrutura do fútbol base do Arousa. E polo medio, no curso 2006/07, a proposta do seu colega de carreira Marco Casal, hoxe director deportivo da Federación Galega de Tenis, para que o descargara do traballo da preparación física do grupo de promesas co que no seu momento contaba a FGT no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra e que dirixía Casal. Un posto que desenvolveu ata a disolución dun grupo pensado como trampolín cara ao profesionalismo e que lle deu a oportunidade de relevar a un dos grandes nomes do tenis galego, Cayetano Burrieza, como responsable dos programas de desenvolvemento da Federación.

De tentar axudar a atopar o camiño do éxito aos xogadores con máis talento da comunidade, Carlos pasou a poder traballar en liña coa súa forma máis ampla de ver o deporte. «O obxectivo do que fago é principalmente a promoción da práctica do tenis entre os rapaces de Galicia», conta. A través de varios programas, como un que lles permite a xogadores adestrar con outros doutros clubs da súa provincia rotando no tempo pistas e técnicos, un circuíto de promoción para nenos que xogan os seus primeiros torneos, sen gañadores e facendo fincapé na convivencia, ou un circuito, o Galicia Head Tour, para os tenistas que empezan a pensar máis en clave de competición; tamén o programa de promoción do tenis na escola, no que «lles cedemos material aos centros para que nas súas clases de educación física poidan impartir tenis durante un mes», explica. Só neste último participan 3.500 nenos de 80 centros.

Encantado de traballar con rapaces, desde a Federación ao Campus Pablo Coira de verán que dirixe co seu irmán ou a Academia Fútbol 360º, un proxecto de tecnificación paralelo á esfera dos clubs que cofundou o pasado outono no Salnés, Carlos vive como pensa. «Vendo no sofá da casa a chegada ao esprint de Gómez Noya e de Jonathan Brownlee na final do Mundial de Londres 2013 díxenlle á miña muller ‘Vou facer triatlón'». Tiña daquela xa 37 anos. «Era un deporte que sempre me gustou». E de afeccionado de televisor pasou a deportista afeccionado. Dos que gozan do deporte polo deporte liberados do servizo escravo ao resultadismo.

Persoal

Carlos Coira Lojo (Vilagarcía de Arousa, 3/X/1976) é licenciado en INEF pola Universidade da Coruña e traballa profesionalmente desde hai tres lustros para a Federación Galega de Tenis. Forma parte tamén do equipo técnico do Campus Pablo Coira e, desde finais do ano pasado, do proxecto Academia Fútbol 360º. 

Deportiva Futbolista na canteira do Arousa e posteriormente de varios equipos de categorías autonómicas, tamén xogou de adolescente ao tenis. No 2013 desembarcou no mundo do triatlón, colaborando na fundación do club local de Vilagarcía e chegando a disputar o Mundial 2019 por grupos de idade que se celebrou na cidade de Pontevedra.