
Déixanos Paco Fernández, un compañeiro sensato e comprometido, que sempre estaba ao noso carón
14 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O noso amigo Paco deixounos o luns, e foise deixando un gran baleiro na súa familia, nos amigos, veciños e todos aqueles cos que compartía a súa vida diaria. Os que coñeciamos a Paco sabiamos que era un home bo e xeneroso, unha persoa que tiña interiorizada de forma altruísta a axuda aos máis desfavorecidos. Cando alguén dedica o seu tempo, ademais de á familia e ao lecer, a asumir as preocupacións e resolver os problemas das persoas que por distintas circunstancias son marxinadas, merece o recoñecemento de todos. Por iso, en nome de todos os que formamos a fundación Amigos de Galicia, quero mostrar o meu recoñecemento a Paco, un home de gran corazón.
Paco era cristián, católico e practicante, moi esixente consigo mesmo, e coñecía á perfección as limitacións dos seres humanos. Por iso se preocupaba profundamente de que as persoas que atendía fosen polo camiño adecuado para vivir con dignidade, prestando especial atención ás persoas con drogadiccións. Tamén se preocupaba das persoas maiores que viven en soidade, acompañándoas nos seus últimos momentos. Seguindo a Xesús, «ama ao próximo como a ti mesmo», respectaba sempre a liberdade individual.
A sociedade de Arousa queda orfa. Déixanos sen un compañeiro sensato que sempre estaba ao noso carón. Un amigo que sempre atopaba un oco para compartir unhas verbas de apoio cando un o pasa mal. Os que compartiamos con el moitas horas, imos botalo moito en falta. Estou seguro de que Xesús o acompaña á Casa do Pai, e dende alí seguirá traballando por unha sociedade mellor.