Pinchar música en galego: cuestión de militancia e de bo gusto

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Catro dj e un experto en música do calibre de Pepe Cunha reflexionaron en Vilagarcía sobre o papel dos pinchadiscos na promoción da música en galego

29 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Catro pinchadiscos e un auténtico experto na materia déronse cita o venres en Vilagarcía para reflexionar sobre o seu papel na difusión da música feita en galego. O foro de debate xirou sobe varias ideas que non deberiamos perder de vista. A primeira, que en Galicia se está a facer unha enorme e diversa cantidade de música. A segunda, que moita desa música non atopa canles polas que difundirse. «En Vilagarcía, podes saír un mes enteiro e non escoitar nin unha soa canción en galego», quedou dito. A terceira, que para cambiar ese escenario é preciso «normalizar» a música en galego, facer valer un principio verbalizado con insistencia por todos os participantes no debate -Carlos Crespo, K Dj, Manuele Caamagno, Eme Dj e o divulgador Pepe Cunha-: «O que hai que ter en conta é un estándar de calidade. Se tes un temazo, hai que poñelo. Que importa que que idioma estea?». Esa é unha lección que deberiamos ter ben aprendida. «No momento dos Resentidos, o Galicia Canibal cantábase en toda España». Porque, falando de música, o idioma non pode ser nunca un problema. «Que o galego non se entende fóra de aquí? Pois como tantas cancións en inglés», ironizaba K dj.

Os pinchas que participaron no foro, desvelaron tamén algunhas das fontes das que beben para descubrir aos grupos que ofrecen música de calidade en galego: nas radiofórmulas non están, así que hai que buscalos onde sempre, nos concertos. Ou nas redes, claro.

Despois de intercambiar pareceres durante un bo anaco, e tras concluír que Galicia precisa unha industria musical que crea no talento galego que se expresa en galego, desenvolveuse un maratón no que os dj's fixeron unha demostración práctica, durante case tres horas, de que hai moita e boa música en galego.