A Fundación detecta o ataque dun fungo ao céspede da Lomba

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

«A nosa intención é recuperar o campo o antes posible», din desde o ente municipal a catro días do segundo partido de Liga do Arousa no seu feudo 

16 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O servizo de mantemento do Campo Municipal da Lomba descubriu o pasado venres o ataque dun fungo ao céspede do terreo de xogo vilagarcián. Juanmi Doval, director da Fundación de Deportes de Vilagarcía, ente xestor do recinto deportivo, explicou onte que o luns da semana pasada operarios da Deputación picaron o terreo, nunha operación rutinaria, e que a acción do fungo colleunos por sorpresa.

E é que dende o uso a finais da pasada primavera dunha máquina de corte helicoidal, reclamación do Arousa para a mellora do mantemento do campo, o terreo de xogo da Lomba presentaba un aspecto excelente. Tamén no primeiro partido de Liga de Segunda R.F.E.F., o sábado 4 de setembro. Doval sinalou que o pasado sábado trasladouse un amigable do Atlético Arousana ao Jiménez e ante a visita este domingo do Llanera só pode dicir: «A nosa intención é recuperar o campo o antes posible».

Resonancia a Cobo e a Róber

Noutra orde de cousas, onte a media tarde os xeonllos de Álex Cobo e de Róber mancados o pasado domingo en Luanco foron sometidos a cadansúa resonancia magnética na clínica do doutor Jacinto. No club non sabían aventurar o día no que terán os seus resultados para coñecer o tipo exacto das lesións e o seu nivel real de gravidade.

Sexa o que sexa, o adestrador do Arousa, Jorge Otero, descartou xa desde o luns a participación de ambos os dous no partido da terceira xornada de Liga, este domingo na Lomba co Llanera. Tamén conta practicamente coa baixa de Piay, por unha infección na gorxa, pero onte non daba por perdido a Diego Diz.