Dous reis da ACT e da Concha e sete campións da LGT A e Feminina

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Cedida

Nova temporada de éxitos dos remeiros arousáns nos equipos de elite do Cantábrico e de Galicia

22 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai anos que a enorme calidade do remo do sur da ría de Arousa deixou de medirse polos resultados do C.R. Mecos, primeiro, e de Amegrove C.R., despois. O traballo a longo prazo de canteira de ambos os dous clubs e mais do C.R. Vilaxoán atopa nos últimos tempos unha vara de medir moito máis fiable na celebración de títulos alleos e na presenza na elite do remo de deportistas formados nos seus bateis. Este é o seu balance na temporada 2021 que vén de rematar.

Santurtzi

David Iglesias, «Risi», e Óscar Viúdez, «Chila», reúnen os títulos da ACT e da Bandera de La Concha. Os dous veteráns remeiros do Grove redondearon o pasado domingo unha temporada perfecta, revalidando o título da Liga Eusko Label (ACT) unha semana despois de gañar a gran regata donostiarra, na que un ano atrás a súa bancada de Santurtzi fora terceira. Con 34 anos -cumprirá os 35 o 8 de decembro- Risi pecha a temporada 2021 cun palmarés dificilmente mellorable, logo de encadear ao longo da pasada primavera os seis títulos de campión de Biscaia, de Euskadi e de España de batel e de traiñeiriña, aos que sumou o de Biscaia de traíña. Risi remou ademais nos oito triunfos de Santurtzi nas 20 regatas puntuables da Liga Eusko Label; os catro últimos coincidindo cas catro derradeiras xornadas do calendario, resultando decisivos na conquista do cetro da ACT con 217 puntos, fronte aos 203 de Hondarribia. Coa colleita deste ano, Risi conta no seu haber con dous títulos da Liga Eusko Label e con catro da Concha, polos cinco e seis, respectivamente, de Chila. 

Zierbana

Tres bandeiras ondeadas polos grovenses Sergio Montenegro, «Ramplín», e Alberto Vidal, «Kasolas». As dúas regatas puntuables que gañaban nas xornadas tres -Bandera Donostiarra- e seis -Getxoko Estropaden Ikurriña- da Liga ACT levaron a pensar na bancada de Zierbana como seria aspirante ao título. Finalmente, a traíña biscaína debeu conformarse co quinto posto na clasificación final, con 172 puntos, celebrando unha terceira bandeira gañada, a Ondarroako da decimoterceira xornada. Tres triunfos que contaron cos grovenses Ramplín e Kasolas no costado de babor da embarcación adestrada polo vigués Juan Zunzunegui. 

Cabo de Cruz

Seis brazos do sur da ría para pagar outro ano de amarre na elite. Os vilaxoaneses Anxo Martínez e Diego Suárez foron un ano máis pezas principais na consecución da permanencia de Cabo de Cruz na Liga Eusko Label, que no 2022 cumprirá a súa novena temporada ininterrompida na competición logo de rematar a edición do 2021 no posto oitavo, con 102 puntos. Na súa sexta campaña nas filas da traíña barbanzana, Martínez e Suárez estiveron acompañados na aliñación titular de Gustavo Vázquez polo patrón grovense Félix Duarte, na segunda campaña deste na ACT logo da súa estrea un ano antes nas filas de Ares. Os tres gañaron o Campionato Galego de Traíñas

Donostiarra Lacturale

Terceiro posto na Liga de Andrea Oubiña, que remata o curso con catro títulos. Non foi o ano de Donostiarra Lacturale na Liga Eusko Tren. Tras o subcampionato do 2020, no seu segundo ano na bancada guipuscoana a remeira grovense Andrea Oubiña e as súas compañeiras de traíña acabaron terceiras con 24 puntos e fóra da loita polo título que gañaron as súas veciñas do Donostia Arraun Lagunak cos mesmos 39 puntos cá Orio. Con todo, fiel á súa condición de gañadora nata, Andrea Oubiña despide o 2021 con catro títulos máis aló da Bandeira de Lekeitio puntuable para a Liga. Falamos do Campionato de Euskadi de Traíñas de Longa Distancia e do pleno na temporada de traiñeiriñas, reunindo os títulos dos campionatos de Guipúscoa, de Euskadi e mais de España da modalidade intermedia do remo de banco fixo. 

LGT A e Feminina

Cinco mulleres e dous homes da comarca coroáronse nas ligas autonómicas. As irmás vilaxoanesas Ainhoa e Noemí Vieites e as súas veciñas Valeria Suárez e Verónica Abalo xunto coa meca María Rodríguez ergueron o título da Liga Galega de Traíñas Feminina con Cabo, co que tamén gañaron o Campionato Galego. Os mecos Daniel Folgada e Manuel Caneda fixeron o propio na LGT-A na bancada de Samertolameu.