O club venderá chapas co seu escudo feitas por usuarios do centro de día para colaborar no traballo de atención a persoas con parálise cerebral e patoloxías afíns
05 oct 2021 . Actualizado a las 21:02 h.Este mércores é unha desas xornadas elixidas para acender un dos moitos focos de atención que precisan ser alumeados no planeta. O Día Mundial da Parálise Cerebral busca sacar da sombra un colectivo que quere participar na sociedade na que vive, integrado na mesma. Ese é o empeño diario dos profesionais que traballan no Centro de Atención Integral Princesa Letizia de Vilagarcía de Arousa, baixo o paraugas da Asociación Amencer Aspace. E a el decidiu sumarse o principal club da localidade.
O xogador do Arousa Luis Nuño recolleu este martes o medio cento de chapas conmemorativas do 75 aniversario da fundación da entidade deportiva fabricadas por varios usuarios do Princesa Letizia. Chapas cuxa venda servirá para colaborar economicamente no financiamento dos obradoiros artesanais implementados no traballo de socialización dos usuarios do centro de atención integral vilagarcián, no que pretende ser o primeiro paso dunha longa e frutífera colaboración. Luis Nuño quixo «felicitar a Manuel -Alonso, o usuario do servizo de Amencer Aspace que representou o grupo de fabricantes das chapas arlequinadas- por el gran trabajo que han hecho. Son muy bonitas. Se nota que hay un gran trabajo detrás».
En nome do cadro de xogadores do Arousa, Nuño quixo tamén «felicitar al Centro Princesa Letizia y a todos sus trabajadores y familiares por el trabajo que hacen», e declarouse a título persoal «muy orgulloso de estar en un club que tiene estas iniciativas más allá del fútbol».
Luis Nuño acudiu ao centro de día xunto co seu compañeiro de vestiario Jorge Fajardo e do presidente e do director xeral do Arousa, Manolo Abalo e Rodrigo Lojo, respectivamente. En liña co dito por Luis Nuño, Lojo amosou o agradecemento da entidade deportiva os responsables do Princesa Letizia «por su absoluta predisposición a que el Arousa pueda aportar su granito de arena para dar visibilidad al gran trabajo que realiza la Asociación Amencer Aspace». E aos usuarios que traballaron na elaboración das chapas conmemorativas, o director xeral do Arousa trasladoulles que «nos hace muchísima ilusión» o que fixeron, confiando en que ambas as dúas partes poidan xogar máis partidos no mesmo equipo: «Ojalá estas chapas tengan una gran acogida entre la afición y podamos hacer pronto un pedido enorme para poder ayudaros». Lojo inscribiu esta colaboración con Amencer Aspace como parte do labor social que o Arousa entende debe desenvolver máis aló da súa actividade deportiva primaria.
Ademais do lote de chapas recollido, a delegación do Arousa puido coñecer in situ o labor realizado no centro de día que Amencer Aspace xestiona no Centro de Atención Integral Princesa Letizia. O seu director, David Carrera, resumiuno así: «Aquí brindamos unha abordaxe integral da parálise cerebral e patoloxías afíns. Somos un grupo de profesionais: logopedas, fisioterapeutas, psicólogos e sobre todo coidadores que estamos aquí por e para eles -os usuarios do centro-. [...] Na constancia dunha mesma praxe todos os días está o segredo. Así conseguimos que vaian mellorando fisicamente. E ao mesmo tempo, loitamos, pero sobre todo loitan eles, por ter presenza na sociedade». De aí que David Carrera saliente que «é súper importante que se fagan cousas coma esta», en referencia á colaboración co Arousa.
Desde o club, ademais de agasallar cunha bufanda a Manuel Alonso, convidouse a este e mais a María del Pilar Diéguez, compañeira no Princesa Letizia, a presenciar un partido de Liga na Lomba do primeiro equipo.