Candidato ao ascenso, o Salamanca C.F. UDS só leva 3 goles marcados
21 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Cinco por 90 máis 45. A realidade da competición eleva a 495 os minutos que o Salamanca C.F. UDS leva sen marcar gol na Liga de Segunda División R.F.E.F. Cinco partidos e medio desde que Jairo, no minuto catro da prolongación da primeira metade do choque coa U.D. Llanera, asinara o terceiro e ata hoxe último tanto do cadro castelán no que vai de Liga.
Con tan impropios números dun conxunto que partiu entre os máis claros candidatos a pelexar polo ascenso se mide esta tarde o Salamanca C.F. UDS ao Arousa no estadio municipal da Lomba (17 horas). Un choque que arrinca co cadro vilagarcián defendendo a súa mellor posición na táboa clasificatoria, undécimo con 14 puntos, un punto e un posto máis có seu rival.
Claro que se o Salamanca C.F. é, con diferenza, o equipo que menos goles consegue marcar no campionato, tamén é o que o mellor os rendibiliza. En boa medida, polo feito de lucir a mellor defensa da Liga. Só media ducia de tantos encaixados nas once xornadas disputadas ata esta fin de semana.
Xusto un chanzo por enriba da praza de promoción de permanencia, o hoxe contrincante do Arousa combina a súa capacidade para transformar en triunfo cada un dos seus goles, 1-0 ante o Móstoles na primeira xornada, 0-1 fronte ao Leganés B na segunda e 0-1 no campo do Llanera na sexta, cun extraordinario cerocerismo, repartindo dous puntos a partes iguais co Bergantiños, na xornada 3, coa Gimnástica Segoviana, na 7, co Coruxo, na 8, e co Real Avilés a semana pasada. Só dous equipos, o Marino de Luanco e o Navalcarnero, conseguiron perforar a portería salmantina máis dunha ocasión no mesmo encontro, 0-2 e 2-0, respectivamente.
Os datos contrastan coa calidade dos xogadores reunidos polo Salamanca C.F. esta temporada, situándoo coma un titán durmido ante o que convén estar moi esperto para non saír mal parado. Esta é a tese manexada tamén polo adestrador do Arousa. Jorge Otero declaraba na previa do encontro que «la clasificación indica que el Salamanca todavía no es el equipo que posiblemente va a ser, porque tiene unos jugadores extraordinarios. Ha tenido muchas incorporaciones. En cualquier momento va a coger la buena racha». Evitar que empece a facelo a costa do Arousa pasa, sinala Otero, por «tener mucha paciencia para poder generar ocasiones y, sobre todo, para no equivocarnos».
Campillo, tres semanas k.o.
O Arousa xoga sen os lesionados de longa duración Álex Cobo e Róber e desta volta tamén sen Campillo. O central estará a lo menos tres semanas de baixa por unha lesión muscular no sóleo.
Homenaxes a José Fontán, Jéssica Bouzas e Carregal
Antes do inicio do partido co Salamanca C.F., o Arousa homenaxeará a dous dos deportistas vilagarciáns con máis presente e futuro. O defensa do Celta en Primeira José Fontán, irmán do lateral dereito do Arousa Javi, que vén de disputar os últimos partidos de clasificación para o Europeo Sub-21 do 2023 coa selección española da categoría. E a tenista profesional Jéssica Bouzas, que vén de completar a súa primeira temporada no circuíto mundial no número 357 do ránking WTA e facer de esparring da selección española na Billie Jean King Cup. O club entregarálle tamén un obsequio ao empresario Ramiro Carregal polo seu apoio ao Arousa.