As alumnas de Perla de Arousa actuarán na representación do ballet imperial ruso no auditorio

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

A actuación está programada para o 22 de xaneiro

11 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Vinte cativas de entre seis e dez anos de idade da escola Perla de Arousa compartirán escenario cos 40 bailaríns da prestixiosa formación de danza rusa interpretando a anxeliños e ananiños en pezas das obras «A Bela durminte» e «O Cascanoces». De feito, a gala que o ballet imperial ruso trae nesta ocasión a Vilagarcía céntrase nestas obras de Tchaikovsy, así como no famoso «O Lago dos Cisnes» e no tamén popular «Bolero», de Maurice Ravel.

A Gran Gala Tchaikovsky e Bolero porase en escena o sábado, 22 de xaneiro, no Auditorio Municipal de Vilagarcía a partir das 20.30 horas. A representación, que ten unha duración de 105 minutos, está dirixida a todos os públicos e as entradas xa se poden adquirir de forma anticipada a través de ataquilla.com. Os prezos son de 22 euros na zona A do patio de butacas, 20 na B e 18 na C (máis gastos de xestión). De non esgotarse antes, tamén se poderán adquirir o día da función na billeteira do Auditorio a partir das 18.30 horas.

Fama internacional

O Ballet Imperial Ruso é unha compañía con fama internacional. Formado en 1994 en Moscova pola lendaria bailarina Maya Plisetskaya e dirixido pola estrela do Teatro Bolshoi, Gediminas Tarandá, coreógrafo e destacado director artístico de grandes eventos que conta cos recoñecementos de Artista de Honra de Rusia (2005) e coa Orde de Diaguiliev (2008).

A Gran Gala Tchaikovsky reúne os fragmentos máis destacados de «O Lago dos Cisnes», «O Cascanocea» e «A Bela Durminte». A parte correspondente ao «Bolero», de M. Ravel, conta con deseño A. Kozhenkova. Esta é a obra do repertorio do Ballet Imperial Ruso máis espectacular e máis solicitada en todo o mundo. Esta coreografía foi creada por Nikolay Androsov especialmente para o Ballet Imperial Ruso e os seus primeiros solistas: Maya Plisetskaya e Gediminas Tarandá. Foi estreada en Xapón (Tokio) en 1998.

Curiosamente, foi nese 1998 cando Elena Parada, exbailarina do Rey de Viana, funda o grupo vilagarcián Perla de Arousa, onde Iria Rey asumiu a dirección no 2014.