O Festival Revenidas completa o seu programa con concertos a bordo con Xabier Díaz, Guadi Galego, Grande Amore e Boyanka Kostova
VILAGARCÍA DE AROUSA
Xurxo Souto ofrecerá un concerto musicado o día 10 de setembro
29 ago 2022 . Actualizado a las 22:14 h.A organización do Festival Revenidas, que se celebra do 7 ao 11 de setembro en Vilaxoán, pechou o cartel dos Concertos a bordo, unha das actividades máis característica do festival. Nesta edición serán seis os que se celebren e, como sempre, serán a bordo do xeiteiro Chasula e cun aforo máximos de doce persoas.
Serán o sábado 10 e o domingo 12, tres cada día. Os do sábado terán como protagonistas a Antía Muíño (saída desde o peirao ás 13 horas), Xabier Díaz (15 horas) e Grande Amore (17 horas). Os do domingo serán de Guadi Galego (13 horas), Boyanka Kostova (15 horas) e Cardalda e Dopico (17 horas).
O prezo da entrada para cada un destes concertos a bordo é de 30 euros (inclúe unha degustación de produtos do mar e bebida). As entradas poderán obterse a través da web www.revenidas.com a partir do mércores 31 de setembro.
Outra das actividades que forma parte das actuacións de promoción do turismo mariñeiro é «Redescubre Vilaxoán». O cantante e escritor Xurxo Souto, apaixonado e defensor do festival Revenidas e de Vilaxoán, realizará un roteiro musicado polos lugares máis emblemáticos desta vila mariñeira. A saída será ás 10.30 horas do sábado 10 de setembro. A asistencia ao mesmo é de balde (ata completar aforo), pero require unha inscrición previa que se pode realizar dende a web www.revenidas.com a partir do mércores 31 de setembro.
Estas e outras actividades van da man de Turismo Rías Baixas, da Deputación de Pontevedra, coas que se busca «conectar coa esencia mesma do festival e que, máis alá dos concertos, supoñen a conexión coa súa orixe e a reafirmación da súa filosofía», segundo subliñan desde a organización.
Entre estas actividades no vai faltar a sardiñada popular, que foi a que no seu momento deu orixe ao festival, que terá lugar ao mediodía do domingo 11 de setembro. O recinto no que se celebrará, como de costume, será o parque de dona Concha, que ese día estará aberto ao público durante toda a xornada. Previo á sardiñada haberá animación a cargo da Louband e un espectáculo teatral. Pola tarde, no mesmo lugar, terá lugar a Gala de Circo e despois os concertos de Caamaño & Ameixeiras, Sés e Ortiga. Todas as actuacións serán de balde.
A venda de abonos e de entradas por día para o festival Revenidas 2022 poden adquirirse dende a web www.revenidas.com ou dende as redes sociais do festival. Desde este mesmo soporte tamén se ofrece a posibilidade de facer unha carga previa da pulseira cashless.