O Curtas regresa ao futuro para celebrar os 50 anos do festival vilagarcián

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

Unha exposición sobre a saga de Marty McFly reunirá máis de 400 obxectos. Dave McKean (The Sandman, Batman: Arkham Asylum) figura entre os primeiros convidados

25 sep 2022 . Actualizado a las 18:05 h.

Medio século de vida dá para moito. E se falamos de fantasía, para unhas cantas viaxes no tempo. E a iso se dedicará, do 21 ao 30 de outubro, a organización do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía, o certame que continúa o labor de divulgación iniciado no antigo Casino da capital arousá e que, co gallo da súa 50ª. edición, fará das viaxes pola corrente temporal o seu eixo nesta ocasión. Cunha das sagas máis populares e exitosas da ciencia ficción, Regreso ao Futuro, recordada na exposición central do certame arousán, cuxo día de inicio, o 21 de outubro, coincide coa data da viaxe ao futuro que o protagonista da triloxía, Marty McFly, fai na segunda entrega, concretamente, ao ano 2015 —a película é de 1989—. 

Nas paredes da Sala Rivas Briones os afeccionados e demais curiosos poderán gozar dos máis de 400 obxectos, algúns deles orixinais, dos tres filmes dirixidos por Robert Zemeckis e protagonizados por Michael J. Fox e por Christopher Lloyd. Desde roupa dos personaxes e diferentes artigos de promoción ata autógrafos e pezas dos decorados. Todo reunido na colección privada do español Pedro Torromé, fundador de Regreso al futuro Spain, a maior comunidade fan de España da saga. Torromé ofrecerá ademais unha clase mestra na primeira fin de semana do Curtas. Baixo o título Esto es muy fuerte Doc, disertará durante hora e media sobre diversas curiosidades da triloxía, cun concurso con agasallo final. 

O propietario e cicerone da mostra sobre Regreso ao Futuro é tamén embaixador en España de Team Fox, a fundación contra o Párkinson creada por Michael J. Fox, coa que o Curtas colaborará economicamente. 

Proba da relevancia da saga na edición deste ano é a elección da súa primeira película para a apertura do festival, que durante os seus nove días restantes pasará os outros dous filmes.

Máis aló da da saga de Zemeckis, a cita vilagarciá contará cunha segunda mostra dedicada ás viaxes no tempo. Concretamente, a carteis de grandes películas deste subxénero da ciencia ficción, coa particularidade da súa tradución ao galego.

Flavio Greco foi o encargado de xogar co concepto central para elaborar o cartel oficial da quincuaxésima edición do Curtas Festival do Imaxinario. Logo de estrearse en tan singular labor o ano pasado, o ilustrador arxentino baixou dun DeLorean a María e a Ava, as androides das películas Metrópolis e de Ex Machina, para chegar á celebración da cita arousá rodeadas de varios dos moitos grandes personaxes cibernéticos do mundo do celuloide, desde R2-D2 e o seu sucesor na derradeira triloxía da Guerra das Galaxias ata o irreverente Bender da serie de animación Futurama, a adorable EVA de Wall-E, o policía Robocop ou as aterradoras luras de Matrix e centinelas da Patrulla-X, desta volta sen aparentes malas intencións. Todos eles, reunidos na contorna do Convento de Vista Alegre. «Los seres artificiales de la historia audiovisual se reúne por los 50 años de Curtas Festival do Imaxinario para recordarnos que nada nos hace más humanos que aprender de las vivencias, empatizar con el otro y, por qué no, juntarnos a celebrar». Desta forma explica Flavio Greco a súa creación, que completa con esta invitación: «Permitámonos por un rato imitarlos nosotros a ellos».

«Nosferatu» con música en vivo

Seguindo o ronsel dos últimos anos, a organización do certame vilagarcián volverá apostar por proxectar un dos grandes clásicos do terror na primeira era do cinema mudo en branco e negro co gallo do seu centenario, coa música en directo do quinteto Caspervek para elevar unha experiencia única. Se no 2020 fíxoo co Gabinete do Doutor Caligari e no 2021 con A Carruaxe Pantasma, este ano a aposta elévase co pase do Nosferatu de Murnau.

  

Dave McKean e Mick Garris en carne e óso e fin de festa co The Rocky Horror Picture Show

Na primeira comunicación sobre os detalles da que será a celebración das vodas de ouro do certame, os responsables do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía adiantaron tamén os primeiros nomes da súa listaxe de convidados. E o desvelado non pode máis ca prometer un novo cartel de luxo, con profesionais de primeirísimo nivel do mundo do cinema e do cómic.

Deste último provén o inglés Dave Mckean. Ademais de director cinematográfico, trátase dun dos ilustradores e deseñadores con maior nome no mundo da novela gráfica. O home que lles deu forma a grandes creacións de Neil Gaiman coma Casos Violentos, Orquídea Negra, Signal to Noise ou Mr. Punch e que asina todas as portadas de The Sandman. O seu selo está tamén nun dos grandes clásicos do mundo dos superheroes coma o Batman: Arkham Asylum, feito xunto a Grant Morrison.  

Do cinema, dous nomes confirmados xa para comezar no Curtas Festival do Imaxinario. O primeiro, o do californiano Mick Garris, director e guionista que ligou a súa produción ás obras do mago da literatura de terror do Século XX, Stephen King. Dunha ou doutra forma, Garris estaba tras Sonámbulos, Apocalipsis, O Resplandor ou A Maldición de Dark Lake. Claro que tamén rodou Critters 2 e é o creador da serie de televisión Masters of Horror.  

Ademais, por Vilagarcía pasará a actriz, directora e escritora danesa Lone Fleming, con máis de 40 películas, moitas delas do xénero fantástico e rodadas en España, como La noche del terror ciego, dirixida polo galego Amando de Osorio. 

Pero é que a organización do festival vilagarcián pechou xa tamén un final de festa apoteósico. Este ano, tras a entrega de premios do último sábado, o Auditorio acollerá a proxección do musical fantástico The Rocky Horror Picture Show. Unha proxección singular, por canto contará cos actores da compañía madrileña Dramakuin. Caracterizados como os personaxes do filme, recrearán números do mesmo e interactuarán a fondo co público. 

Es martes remata o prazo de presentación de traballos

O Curtas Festival do Imaxinario é, en primeiro termo e ante todo, un certame de cinema. E como tal, nos últimos meses mantivo aberto o prazo para a presentación de traballos a concurso nas súas diferentes seccións competitivas. Un prazo que remata este martes, 30 de agosto. A falta de contar todas as propostas, desde o festival subliñan que, un ano máis, contan cunha cantidade enorme de traballos sobre a mesa. A estrutura das seccións repítese respecto ás últimas edicións: oficial, latinoamericano e alucine no tocante a longametraxes; e nas curtas, fantástico por un lado e, en outros xéneros: ficción, documental e videoarte.