Celia Castro e María Deza, bronce autonómico nas finais do 800 absoluto e do lanzamento de peso sub-23
VILAGARCÍA DE AROUSA
A Agrupación Atlética Mazí sumou outros catro postos de finalista na gran cita galega de pista cuberta
24 ene 2023 . Actualizado a las 18:21 h.A Agrupación Atlética Mazí de Vilagarcía contou coa participación, a pasada fin de semana en Ourense, de sete deportistas nos Campionatos Galegos Absoluto e Sub-23 de Pista Cuberta. Unha cita que pecharon con dúas medallas de bronce e outras catro prazas de finalistas.
Novamente, a cambadesa Celia Castro encabezou a actuación da Mazí. Desta volta, subíndose ao terceiro chanzo do podio dos 800 metros lisos da categoría absoluta. Pese a estrearse inda este ano en idade Sub-18 (ten 15 anos) e de ser a máis nova das nove finalistas, Castro foi a única quen de aguantarlles o ritmo e o arreón final a María Fernández Bouza (Universidad de León Sprint, 19 anos) e mais a María Carballido Castro (Grupoempleo Pamplona Atlético, 21 anos), campioa e subcampioa, respectivamente, en 2.13,83 e en 2.13,97. Celia Castro atravesou a meta en 2.14,27, isto é, máis de 4 segundos por debaixo da que ata a pasada fin de semana era a súa marca persoal, demostrando o enorme potencial que atesoura e quedando a tan só 44 centésimas de segundo do título galego absoluto.
Antes de correr o 800, na xornada matutina a cambadesa da Mazí rematara quinta na final dos 60 metros libres, na que a súa compañeira Lucía Sánchez marcou o sétimo mellor tempo, que sumou á sexta praza na final dos 200 cun mellor crono persoal (25,92).
Nos 60 metros lisos outra arousá, Candela Fernández, quedou fóra da serie polas medallas pese a conseguir o seu mellor rexistro individual, 8,44, e no triplo salto pechou a lista de finalistas con 9,77 metros.
En canto aos homes da Mazí, en saltos, Pedro Reino, inda sub-16, rematou quinto a final absoluta con mellor marca persoal, de 12,16 metros, fito que Darío Núñez conseguíu nos 400 metros lisos, cun crono de 53,06 e o décimo posto na clasificación do Campionato Galego.
Na categoría sub-23, María Deza deulle á Mazí a outra grande alegría en Ourense. O seu mellor lanzamento, de 7,20 metros, valeulle a medalla de bronce no concurso de lanzamento de peso.
Fóra de concurso, no heptatlón, Xoel Otero fixo 4.016 puntos no seu camiño por acercarse ao Campionato de España das probas combinadas, conseguindo a súa mellor marca persoal en dúas delas e sendo o primeiro da súa categoría.
Máis aló dos Campionatos Galegos Absoluto e Sub-23 de Pista Cuberta, o domingo a Agrupación Atlética Mazí participou cunha decena de deportistas de varias categorías no control solidario no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra destinado a reunir fondos para o tratamento médico de Gustavo Dacal, convalecente en México.