Regrese ou non esta semana Mercy, o vindeiro luns iráse catorce días coa súa selección
VILAGARCÍA DE AROUSA
Chegaría co tempo xusto de poder realizar o seu primeiro par de adestramentos coas súas compañeiras tras mes e medio de desconexión co equipo antes de medirse na mañá deste domingo, en Fontecarmoa, ao Magectías de Lanzarote
01 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O pasado luns Mercy Wanyama recibía un correo dos servizos diplomáticos de España en Kenia dicíndolle que tivese paciencia coa tramitación do novo visado co que poder volver a Vilagarcía de Arousa. Había un mes exacto que a pívot e MVP do Grupo A da Liga Femenina 2 debería ter collido o camiño de volta para reincorporarse ao traballo xunto coas súas compañeiras no Mariscos Antón Cortegada tras o permiso que o club lles concedeu polo parón da competición durante o Nadal. Onte, o vicepresidente e voceiro da A.D. Cortegada amosábase prudentemente optimista: «Esperemos tela aquí o xoves».
A razón que leva a José Gorgoso a falar así non é outra co aviso onte desde as oficinas diplomáticas españolas en Kenia a Mercy Wanyama para que hoxe acuda a elas. Tras tan longa espera e despois de que a xogadora teña no seu poder desde hai máis dunha semana toda a documentación requirida, a lóxica semella facer crer que a cita non pode ter outra razón que a de estampar o selo que valide o novo visado.
De ser así, Mercy chegaría co tempo xusto de poder realizar o seu primeiro par de adestramentos coas súas compañeiras tras mes e medio de desconexión co equipo antes de medirse na mañá deste domingo, en Fontecarmoa, ao Magectías de Lanzarote. Este é o panorama máis optimista. Porque de non chegar tampouco a tempo desta, a keniana pasará dous meses completamente en branco no Cortegada. O vindeiro luns partirá para concentrarse coa selección de Kenia, coa que entre os días 13 e 19 xogará en Gabón un clasificatorio para o Afrobásket.