Conde Corbal, a escrita en imaxes do pintor que merece o Día das Letras

Serxio González Souto
serxio gonzález CAMBADOS / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

A Xeración Nós alenta na mostra que conmemora o centenario do artista

13 jun 2023 . Actualizado a las 13:23 h.

Un día, dende o que choveu abondo xa, un rapaz achegouse a Xosé Conde Corbal (Pontevedra, 1923-Vilagarcía de Arousa, 1999) mentres botaba un grolo nunha taberna en Compostela. O pintor expuña en Santiago e ao cativo gustoulle o que ollara. O problema era que non tiña cartos. Así que propuxo un troco: un debuxo do autor que tanto o sorprendera por un dos cadaleitos que fabricaba a súa familia. «A miña nai non quixo escoitar daquel trato nin en broma», lembra entre risas o escultor Enrique Conde, fillo do artista. «Pero o caso é que un xornalista presenciou a escena e escribiu unha nota que saíu publicada. Aí é onde o Corbal [como se refire Enrique ao seu pai] se decata do problema». Esta aparente leria agocha un significado profundo que revela mellor que calquera sisuda argumentación a intención coa que os gravados que compoñen a exposición «Corbal no mar de Arousa» —que o Espazo Torrado de Cambados acolle ata o vindeiro domingo, 18 de xuño— saíron do prelo. Se a arte carece dunha función social, se o pobo, humilde por definición, non ten capacidade de chegar a ela, crear unha obra ten o mesmo sentido ca un retrinco de onanismo máis ou menos satisfactorio.

Corbal é, en moitos sentidos, un investigador; un etnógrafo capaz de elevar a vida cotiá da súa xente, as súas paisaxes, a flora e a fauna do país a categoría de arte e devolverllas baixo unha nova luz que move á reflexión, e ao aprecio ou a denuncia, depende. Faino, ademais, empregando a mesma estratexia comunicativa dos antigos canteiros que esculpiron en pedra as mensaxes sen tempo do románico. A imaxe, nas súas mans, é unha escrita antes da escrita que todos poden ler.

Conde Corbal era un excelente pintor. Pero o seu legado principal componse de máis de 1.700 debuxos e gravados. E todo ten un porqué. Fronte á obra exclusiva e a reprodución estritamente numerada, sobre as que se sostén a estrutura mercantil da arte, Corbal escolleu sempre a facilidade de difusión e a accesibilidade económica. A técnica offset que empregaba traducíase nun látex con acrílico sobre acetato que resultaba moi barato e reproducía copias e copias indistinguibles. Ao tempo, permitíalle imprimirlle ao seu traballo unha extraordinaria forza expresiva, un ritmo que por veces quita o alento. O seu debuxo está vivo.

Fillo da Xeración Nós, colaborador de Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo ou Xaquín Lorenzo, Xocas, o artista recolle, en boa medida, o espírito enciclopédico das mellores mentes que pensaron Galicia no século XX —probablemente dende moito antes e tamén ata moito despois— para traducilo en clave gráfica e proxectalo cara ao futuro nas asfixiantes condicións que impuña aquela longa noite de pedra. O seu centenario, que se cumpre este mesmo ano, facilita o rescate da súa figura do soño de esquecemento no que durmía dende hai máis de dúas décadas. O Espazo Torrado colleu o testemuño da publicación do magoante Fardel da guerra, convertido tamén en mostra da man da Deputación de Pontevedra, nunha afortunada sucesión expositiva que paga a pena aproveitar.

Conde Corbal nunha exposición en Vilagarcía
Conde Corbal nunha exposición en Vilagarcía VICTOR MEJUTO

O mar do Grove

O percorrido que a sala de Cambados propón bebe de cada unha das principais fontes das que se alimentan os seus gravados. O mar de Arousa, que é o mar do Grove quimicamente puro dos seus veráns, proporciona unha escusa para viaxar, a continuación, polos escenarios urbanos de Galicia [velaí unha reivindicación da zona vella ourensá que o artista emprendera xunta Risco, e que Otero Pedrayo vía en ameaza de «inminente derribo»], para repasar os retratos dos máis senlleiros escritores e intelectuais galegos, recrear con Valle-Inclán os seus esperpentos ou coñecer os peixes, paxaros e mariscos máis representativos do país. A serie das dornas, coa súa atmosfera de forma de vida ancestral que esvaece, semella extraída do caderno de campo dun antropólogo. Tampouco falta, nesta escolma, algunha que outra concesión ao erotismo e á intimidade.

No 2016, Bob Dylan recolleu o Nobel de Literatura. A Academia sueca argumentou que o cantautor creara unha expresión poética de seu na tradición da canción americana. Non merecerá a escrita sen texto de Conde Corbal un modesto Día das Letras?