Vilagarcía oferta cursos gratuítos de pilotaxe de drons, impresión 3D e VR

hugo portela / p.p.V. VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O Concello publicita 20 prazas para cada un dos obradoiros

06 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía vén de anunciar a inclusión de tres novas actividades dentro do seu do programa Inclusión e Capacitación Dixital, promovido pola Concellería de Formación e Emprego, dirixida por Álvaro Carou. En concreto, son tres cursos básicos sobre a pilotaxe de drons, a impresión 3D e a realidade virtual (VR), que se impartirán en setembro nas dependencias da aula CEMIT.

Os tres obradoiro están dirixidos a persoas maiores de 18 anos. A participación é de balde e ofértanse 20 prazas. O curso sobre conceptos básicos para pilotos de drons terá unha duración de 20 horas, nas que os asistentes recibirán formación sobre o marco legal que regula esta actividade, sobre os principios xerais do voo con estes aparellos e sobre os procedementos operacionais. Tamén se realizarán sesións prácticas.

No caso da formación relacionada coa impresión 3D e a realidade virtual, a oferta da aula CEMIT inclúe un temario a desenvolver en 15 horas lectivas cada un. Na primeira, o alumnado abordará aspectos relativos ao software de modelado e aos materiais a utilizar, con probas de impresión e validación a modo práctico. No curso de realidade virtual, os participantes recibirán uns conceptos básicos para achegarse ao uso das gafas de realidade virtual e ás aplicacións que poden chegar a empregarse con esta tecnoloxía.

O programa Inclusión e Capacitación Dixital da Concellería de Formación e Emprego de Vilagarcía conta con máis de 17 accións formativas para este ano 2023. Os interesados poden inscribirse neles acudindo de luns a venres en horario de 8.30 a 14.30 horas no Centro de Formación de Matosinhos, lugar onde serán impartidos estes cursos.